Concentracións sindicais contra as políticas de emprego e a reforma tributaria do Goberno
Por Redacción
Representantes sindicais de CC.OO. e UGT concentrábanse na mañá deste martes 7 de outubro ante as portas da oficina de emprego situada na rúa Eduardo Pondal dentro da Xornada mundial de traballo decente convocada pola Confederación sindical internacional que organizaba protestas e mobilizacións en todas as cidades galegas, así como no resto do Estado e mesmo en distintas cidades do mundo.
Segundo manifestaba José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO, a concentración ten como obxectivo reclamar un cambio nas políticas da Xunta e do Goberno central para poder crear emprego. Afirma que se redistribúe o traballo a través de contratos a tempo parcial con salarios baixos pero non se está a crear máis emprego como se admite por parte do Goberno.
O líder sindical sinalou que se están a adoptar posturas que van en sentido contrario á creación de traballo e engadiu que mentres en España se aplicaron decisións de austeridade en Estados Unidos se incrementou o investimento público para dinamizar a economía. "Non dicimos que non haxa que controlar o gasto pero non pode ser que se apliquen estas políticas centradas en salvar aos bancos en crise e non facer o mesmo coas políticas sociais", apuntou García Pedrosa.
A CIG NA AXENCIA TRIBUTARIA
A pouca distancia da oficina de emprego, en Campolongo, a CIG concéntrabase ante a Axencia Tributaria e, a continuación, ante a Xunta de Galicia mostrando a súa oposición ás políticas do goberno pola modificación da reforma dos impostos. Marcos Conde, secretario comarcal da central nacionalista, indicaba que se quere cambiar o IRPF reducindo o número de tramos pero "para beneficiar ás clases máis altas. A partir de 70.000 euros, o tipo que se aplica é oumesmo".
Desta forma, o representante sindical denuncia que o Estado deixase de recibir 8.500 millóns de euros cando os recortes este ano en Educación e Sanidade, segundo apunta Conde, ascenderon a 10.000 millóns de euros. A central nacionalista reclama impostos xustos e progresivos.