A prohibición da pesca da sardiña afecta a 500 embarcacións de Pontevedra, Arousa e Vigo
Por Redacción
A prohibición da pesca da sardiña acordada o 18 de setembro pola Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente afecta, segundo o grupo socialista no Senado, a máis de 500 embarcacións das Rías de Vigo, Pontevedra e Arousa.
Os socialistas deron a coñecer estas cifras ao tempo que anuncian que os senadores galegos Paula Fernández Pena e Miguel Fidalgo defenderán unha moción nunha próxima reunión da Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación da Cámara Alta na que reclamarán a continuidade do 'xeito' e medidas compensatorias para minimizar o impacto económico que supón a prohibición da pesca da sardiña.
Os parlamentarios do PSOE recordaron que, co inesperado peche da pesca da sardiña, o Goberno "pon contra as cordas a un sector moi tradicional nas rías galegas", o 'xeito'. Ademais, a Unión Europea prevé o exterminio total desta arte tradicional de pesca para o próximo 1 de xaneiro de 2015, dentro da prohibición total das artes de rede de deriva.
Paula Fernández Pena destacou que das máis de 500 embarcacións afectadas a maioría son de Rianxo, que conta na actualidade cunha frota de cen xeiteros, pero ten tamén unha notable presenza nas confrarías de Cabo de Cruz, Vilaxoán, Cambados, Illa de Arousa e A Pobra.
Miguel Fidalgo puntualizou que "sen lugar a dúbidas, estamos ante unha medida totalmente desproporcionada xa que falamos dunha arte de pesca, selectiva, que practicamente non produce descartes e que está moi afastada das empregadas por outras embarcacións de carácter máis industrial, que utilizan artes de rede á deriva de varios quilómetros e que poñen en perigo especies protexidas como cetáceos, aves, tartarugas ou mamíferos mariños,".
O grupo socialista presentará unha moción pola que insta o Goberno a que defenda ante a Unión Europea a continuidade do 'xeito' e demais modalidades de pesca artesanal para alcanzar un tratamento diferenciado como artes respectuosas co medio ambiente e se exclúan da proposta de prohibición das artes de pesca de rede de deriva con entrada en vigor prevista para o 1 de xaneiro de 2015. Tamén pedirá ao Executivo do PP que, de forma inmediata, estableza as medidas compensatorias previas para minimizar o impacto económico que supuxo para esta frota a prohibición da pesca do 18 de setembro.