Denuncian que o propietario do Hotel Galatea quere despedir os seus 24 traballadores como represalia
Por Redacción
Os sindicatos CC.OO. e CIG, que teñen delegados no Hotel Galatea, mostraron a súa oposición ao expediente de regulación de emprego extintivo (ERE) que a dirección do establecemento de Portonovo propuxo para os 24 traballadores que conforman o persoal.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., sinalaba que as contas da empresa mostran que conta con beneficios 6 meses ao ano e que, polo tanto, a dirección non debería proceder nin á extinción nin á transformación dos contratos indefinidos (na actualidade, 21) en fixos discontinuos, alternativa que tamén estaría disposto a aceptar o propietario José Luis Prieto. Non obstante, os sindicatos entenden que non existe xustificación para reducir os contratos de 12 meses a tan só 6, coa intención de manter o hotel aberto só en tempada alta.
Diana Rodríguez, da Federación de Servizos da CIG, denunciou que dende a dirección se acosou a través de ameazas e coaccións os traballadores para que aceptasen estas novas condicións. E afirma que dende o punto de vista económico, o hotel xera beneficios máis elevados que nos anos anteriores, durante o terceiro trimestre deste ano. Por iso, rexeita negociar o ERE extintivo porque entende que é unha represalia contra os empregados por non ter aceptado as condicións para reducir os contratos.
Este mércores 8 de outubro iniciarase un calendario de negociacións cos representantes da empresa para intentar chegar a un acordo que impida o peche do hotel. Os sindicatos estarían dispostos a aceptar un peche temporal pero nunca superior aos tres meses no período onde o índice de ocupación sexa inferior e sempre que os traballadores puidesen acollerse ao paro.
O hotel está xestionado actualmente pola empresa Xestión Hotelera Independente GEHO, despois de que en abril concluíse a concesión a empresa OCA, a quen os sindicatos culpan de terse despreocupado da actividade comercial para atraer clientes ao establecemento.
Relacionadas:
-
Acordo no conflito laboral do Hotel Galatea, que finalmente despedirá a 16 traballadores
Por Redacción |
-
CC.OO. pide á Inspección de Traballo que evite o boicot da folga prevista no Hotel Galatea
Por Redacción |
-
Os traballadores do Hotel Galatea denuncian coaccións por parte do propietario e convocan unha folga
Por Redacción |