Vía libre para construir en Juan XIII un centro de día e unha residencia para persoas con discapacidade
Por Redacción
A Asociación Juan XIII, dedicada á atención e integración de persoas con discapacidades psíquicas, xa ten vía libre para construír un centro de día e unha residencia en terreos cedidos polo Concello. A Xunta de Goberno formalizou por fin a cesión de dúas parcelas, de 1.950 e 1.450 metros cadrados, respectivamente, para a posta en marcha de ambos os servizos.
En virtude do convenio asinado no seu día entre ambas as partes, prestarán asistencia a 45 persoas, 24 en réxime de residencia e 21 máis no centro de día. Ambos os centros estarán situados nas inmediacións das actuais instalacións de Juan XXIII, no barrio de Campolongo.
En breve procederase á escritura pública da cesión dos terreos e tramitarase a modificación da planificación urbanística para que os terreos sexan compatibles cos novos usos. Unha vez aprobado este cambio, a Asociación Juan XXIII comprométese a que en 3 anos a obra estea executada, de modo que a previsión é que os novos servizos entren en funcionamento en 2016.
Avanzan as obras de rede de sumidoiros do rural
Ademais, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou a adxudicación de dúas novas actuacións que completarán as obras de rede de sumidoiros en catro parroquias do rural. Por unha banda, a empresa Casas executará estes traballos en Ponte Sampaio e A Canicouva; mentres que a firma Eiriña fará o propio en Mourente e Cerponzóns. En ambas as obras, investiranse en total uns 435.000 euros.