Cotobade estrea torre de telecomunicacións en Caroi
Por Redacción
Os núcleos de O Coto, Fraguas e As Bouzas, en Cotobade, e o lugar limítrofe de Cavadosa, en Cerdedo, estrearon nos últimos días conexión a Internet como froito dunha actuación do Plan de Banda Larga da Xunta. A medida beneficia a 200 veciños e é posible grazas á instalación dunha torre de telecomunicacións en Monte Cabeiro, en Caroi.
Esta actuación súmase a outros despregamentos realizados polo Plan no Concello de Cotobade, que permitiron que a porcentaxe de veciños con cobertura pasase do 56,1% hai catro anos a máis do 98% na actualidade. Para o 2% restante, que está en zonas onde non é posible o acceso a través de redes fixas ou sen fíos, o Plan contempla a conexión vía satélite.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, sinala que todo xurdiu das xestións realizadas no ano 2012 co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que apoiou a petición do Goberno Local de Cotobade para que Retegal iniciase a inclusión de Caroi como zona para a instalación dunha torre de telecomunicacións.
A raíz das obras realizadas neste plan, xerouse unha polémica municipal con críticas por parte do grupo municipal do PSdeG-PSOE. Ao respecto, Cubela acusa aos socialistas de tratar "de enmerdar con este asunto dende que se colocou a torre e posteriormente se fixeron as respectivas acometidas". "Deben de sentirse moi frustrados coa defenestración que sufriron nas súas peticións ó Bipartito da anterior Xunta de Galicia", sinalou o rexedor.