Nauta Sanxenxo pedirá un crédito para financiar a rexeneración da praia de Carabuxeira
Por Redacción
O Consello de Administración de Nauta Sanxenxo abordará este luns a aprobación definitiva do proxecto de rexeneración da praia de Carabuxeira e a liña de financiamento necesario para acometer esta actuación, presupostada en máis dun millón de euros. Para iso, concertará unha operación de crédito.
O vicepresidente da sociedade municipal encargada da xestión do Porto Deportivo Juan Carlos I, Salvador Durán, explicou que actualmente Nauta non ten ningunha débeda porque no mes de xullo liquidou a última cota correspondente á compra do equipamento, que tivo un custo superior aos seis millóns de euros.
"Tendo en conta ademais que Nauta Sanxenxo autofinánciase sen necesidade de achegas municipais, consideramos que a mellor opción é acudir a un crédito", comentou Durán. Iso si, Nauta Sanxenxo pretende reclamar posteriormente a Portos de Galicia o importe derivado da recuperación do areal.
Ao respecto, recorda que segundo a Dirección Xeral de Costas, a Administración promotora do porto será a responsable de todos os danos ás persoas e o medio ambiente, así como de todos os efectos prexudiciais que deriven directa ou indirectamente das obras e da súa explotación, debendo redactar e executar á súa costa cantos proxectos sexan necesarios para a súa corrección. Neste caso, Portos de Galicia é a entidade promotora e Nauta a concesionaria.
Independentemente desta reclamación, o consello de administración de Nauta Sanxenxo acordará o luns licitar a actuación destinada a construír un dique principal para conter a banda este da praia de Carabuxeira e facilitar o avance cara ao oeste aproveitando a configuración dos baixos rochosos. A estrutura a levantar será un espigón rampla de case 100 metros de lonxitude composto por bloques prefabricados de formigón e que se irá adaptando á topografía ao descender de cota ata entroncar cos baixos rochosos.
Para dotar de maior contención á franxa á praia deseñouse un novo dique duns 62 metros de lonxitude, que nacerá na esquina oeste de Carabuxeira e terá unha aliñación paralela ao primeiro tramo do dique principal. O espigón estará conformado por un núcleo de formigón e recuberto por pranchas de cachotaría de granito de corte bruto.
Relacionadas:
-
Sanxenxo logra mellores condicións de crédito financeiro para rexenerar a praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
A Xunta bota balóns fóra sobre a 'pataca quente' da Carabuxeira en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo supera o desequilibrio económico de 2013 e pechará o ano con superávit
Por Redacción |
-
As contas de Nauta saen a flote
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo investirá máis dun millón de euros en rexenerar a praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
Os traballos para rexenerar a praia da Carabuxeira comezarán tras o verán
Por Redacción |