O contorno do río Gafos e o traballo de Vaipolorío, protagonistas do Día Mundial da Arquitectura
Por Redacción
Un paseo polo río dos Gafos e unha homenaxe á asociación Vaipolorío serán os actos que a Delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia realizará na cidade o próximo luns 6 de outubro, coincidindo co Día Mundial da Arquitectura. Esta efeméride busca, este ano, recoñecer o traballo na construción de vivendas, espazos e paisaxes "saudables" que fomenten a calidade de vida dos cidadáns, segundo indican desde a entidade.
Así, en colaboración co Concello de Pontevedra, este colectivo ecoloxista verá recoñecida a súas continuas labores de recuperación, limpeza, posta en valor e difusión da riqueza medioambiental do río Gafos, desde o seu nacemento en Figueirido ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra. Con este motivo, ás 17.00 horas, no cruce de Alcalde Hevia con Fernández Ladreda, descubrirase unha placa conmemorativa.
O contorno do río Gafos, declarado pola Xunta de Galicia como "Espazo Natural de Interese Local", será ademais o escenario dun percorrido guiado. Será polo tramo do Gorgullón.
En primeiro lugar, os participantes pasearán pola marxe dereita do río, onde hai vivendas de nova construción, "moi respectuosas coa paisaxe", mantendo a distancia legal de 25 metros ata o río. Pola contra, a marxe esquerda do río conta con construción dos ano 70, levantadas cun muro de contención á beira do río que impide a integración coa paisaxe e a dinámica do río.
Ademais, o presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, fará unha descrición do río, o seu funcionamento e as especies de árbores máis comúns do contorno.
Estas actividades se completan cun ciclo de proxección de documentais sobre arquitectura que terá lugar no salón de actos da Biblioteca Pública Municipal de Pontevedra. O 14 de outubro verase unha peza sobre Antonio Gaudí, Richard Neutra e Luis Barragán; o 4 de novembro será a quenda de Lucio Costa, Julius Shulman e Jorn Utzon; e o 11 de novembro proxectarase o traballo de Álvaro Siza, Kisho Kurokawa e Renzo Piano.
Relacionadas:
-
Isto non é arte urbana, é vandalismo
Por Redacción |
-
Vaipolorío reclama ante a "ocupación ilegal" dunha servidume de paso na rúa Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
O río Gafos, de "regato intransitable" a un "lugar de disfrute" para todos os pontevedreses
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Retiran case 900 quilos de lixo nos ríos da comarca durante unha soa xornada de limpeza
Por Redacción |
-
Pontevedra dende os ríos
Por Redacción |
-
A Xunta declara Espazo Natural de Interese Local o río dos Gafos
Por Redacción |