Un 57% máis de turistas estranxeiros en Pontevedra
Por Redacción
Un total de 11.004 visitantes acudiron durante o mes de setembro á rede municipal de información turística, unha cifra que permite pechar un verán moi satisfactorio despois dos incrementos do 17% e o 24% rexistrados en xullo e agosto. En setembro o crecemento foi do 40%.
Segundo as estatísticas facilitadas pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, nos tres meses da temporada un total de 46.490 persoas pasaron polos puntos de información municipais. Case a metade dos visitantes chegaron en agosto.
Un dos datos máis significativos é o avance do turismo internacional que, se ben segue a ser minoritario, rexistrou un importante avance con respecto ao pasado ano (cun crecemento relativo do 57%), sendo portugueses, alemáns e británicos os visitantes más frecuentes. No turismo nacional o comportamento é de estabilidade e segue encabezado polos andaluces, madrileños e valencianos.
Un 28% dos turistas (cinco puntos máis que durante o pasado mes de agosto) dixeron durmir na capital da provincia, consolidando así unha tendencia establecida xa durante os últimos anos. O 22% proviña de Sanxenxo; un 12% da zona norte da provincia; outro 10% da zona sur da provincia e un 8% foron os chegados dende Grove-A Toxa. Outro dato relevante é que só un 0,58% eran excursionistas chegados en autobús. De todos eles, o 76% durmía en hotel, un 12% en albergues , un 4% en domicilios particulares e outro 3% en vivendas alugadas.
A responsable municipal conclúe que a organización de eventos como a Feira Franca, a sucesión de campionatos deportivos en varias fins de semana e a chegada de feiras e congresos como a pasarela PONMO ou o certame de perruquería e estética ExpoBeauty explican tamén estes bos resultados ao peche do mes de setembro.
Durante o mes de setembro un total de 172 persoas participaron nas visitas guiadas organizadas polo Concello, o que supón un incremento de 39 con respecto ao ano anterior. Entre os participantes había persoas procedentes de Colombia, Reino Unido ou Portugal.
Relacionadas:
-
Incremento dun 22% na afluencia de turistas á rede de información municipal durante 2014
Por Redacción |
-
O Plan de Emprego municipal refórzase con outros 51 traballadores
Por Redacción |
-
As oficinas de información turística da cidade recibiron en agosto 21.727 visitantes
Por Redacción |
-
Os hoteis de Pontevedra superaron o 85% de ocupación durante a primeira quincena de agosto
Por Anxo Lourido |
-
Case 14.000 visitantes pasaron polas oficinas turísticas municipais en xullo, un 17% máis que hai un ano
Por Redacción |