Finaliza o veraniño de San Miguel esta fin de semana ante a presenza dunha fronte pouco activa
Por Redacción
As Rías Baixas encóntranse baixo a influencia das altas presións durante este venres cun rexistro de altas temperaturas que se sitúan sobre os 26 graos. Será o último día do veraniño de San Miguel porque a partir da noite as nubes irán en aumento e vai iniciarse un lixeiro descenso das temperaturas. Os ventos soprarán do nordés con brisas nas Rías Baixas.
A partir do sábado, a fronte pouco activa atravesará Galicia baixando as temperaturas, principalmente as máximas, situándoas arredor dos 22 graos. Producirase un aumento xeneralizado de nubes, con posibilidade de chuvias durante a tarde polas Rías Baixas. Os ventos soprarán moderados no litoral.
O domingo 5, segundo MeteoGalicia, agárdanse ceos con alternancia de nubes e claros, con posibilidade dalgún chuvasco illado e ocasional. As temperaturas sufrirán un descenso entre lixeiro e moderado situándose entre os 13 e os 22 graos.
Durante o luns, unha fronte moi pouco activa achegarase cun aumento de nubes, especialmente durante a tarde, coa posibilidade de precipitacións débiles no litoral atlántico. Os ventos soprarán do sur e as temperaturas non experimentarán cambios significativos. Ao longo da semana presentarase unha borrasca procedente do oeste de Irlanda que deixará un réxime de ventos de compoñente sur e con altas probabilidades de precipitacións.