Pontevedra contará con doce novas zonas de aparcadoiro exclusivo para motocicletas e ciclomotores
Por Alejandro Espiño
Doce novas zonas de aparcadoiro exclusivo para motocicletas e ciclomotores repartiranse por diferentes puntos da cidade e sumaranse ás catro xa existentes actualmente nas Palmeiras, Andrés Muruais, Cobián Roffignac e a Casa do Mar. Segundo o concelleiro de Obras Urbanas, Luis Bará, a intención do goberno municipal é que estean habilitadas no prazo dun mes.
En total, serán 86 prazas de aparcadoiro para este tipo de vehículos. Na súa maior parte, aclarou Bará, crearanse a custa de reducir aparcadoiros destinados a servizos. As zonas elixidas son Barcelos (16), Loureiro Crespo (12), Avenida de Vigo (8), Fernando Olmedo (8), Joaquín Costa (8), Alameda (8), Cruz Vermella (8), Frei Juan de Navarrete (6), Augusto González Besada (4), Tomás y Valiente (4), Cobián Roffignac (4) e Paseo de Colón (4).
Para decidir onde se instalarán, o Concello de Pontevedra barallou tres criterios: situalas no perímetro da zona peonil, que estiveran próximas ás áreas de máis actividade económica e comercial e que sirvan para complementar os equipamentos públicos como colexios, recintos deportivos, dependencias administrativas ou hospitais.
Estes plans iniciais poden variar lixeiramente, xa que o goberno municipal pretende manter diferentes reunións con colectivos que se desprazan en moto e cos veciños destas zonas, para consensuar con eles todos estes cambios.
Estas áreas exclusivas de estacionamento para motocicletas e ciclomotores estarán debidamente sinalizadas vertical e horizontalmente. Nelas reflectirase de forma clara que só poden aparcar este tipo de vehículos de dúas rodas.
Con esta medida, o Concello de Pontevedra pretende, por un lado, compensar a carencia deste tipo de zonas de aparcadoiro, algunhas delas retiradas tras obras de reforma urbana como nas rúas Maestranza e Riestra; e por outro, corrixir "certo desorde" detectado na ocupación do espazo público por parte destes vehículos, cualificado por Luis Bará como un "abuso" en determinadas zonas da cidade.
Neste sentido, Luis Bará apuntou que ao goberno municipal lle gusta fomentar tamén este tipo de mobilidade, porque é "menos contaminante e ocupa menos espazo público" que os coches.
Relacionadas:
-
Inician os traballos para habilitar 70 novas prazas de estacionamento para motos na cidade
Por Redacción |
-
Aproban un plan para reordenar e mellorar a sinalización dos aparcamentos para discapacitados
Por Alejandro Espiño |
-
Acabou o período de probas: a partir do luns o 'ollomóbil' vixiará as rúas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello prepara un novo plan de mobilidade na contorna dos centros sanitarios
Por Redacción |