Os traballadores de Cleanet irán á folga ante os contínuos atrasos no pagamento das súas nóminas
Por Oskar Viéitez
A Federación de Servizos do sindicato CIG informa que os días 6 e 7 de outubro, todos os traballadores da empresa Cleanet están convocados á folga polos continuos atrasos da empresa no pagamento das nóminas.
Os centros de traballo afectados son a Escola Naval de Marín, a Base Militar da Brilat en Figueirido, a Residencia Loxística da avenida Fernández Ladreda, o centro deportivo de Campolongo e a Subdelegación de Defensa.
Son máis de 40 traballadores afectados pola convocatoria de folga aprobada por unanimidade en asemblea.
A empresa Cleanet Empresarial resultou adxudicataria dun dos lotes nos que o Ministerio de Defensa dividiu o servizo de limpeza en todas as súas instalacións. Cleanet accedeu a un deles, valorado en 15 millóns, pero ao que non pode facer fronte porque, segundo este sindicato, non dispón da estrutura nin da solvencia financeira axeitada para iso.
Esta empresa asumiu o plantel de traballadores en abril do pasado ano e segundo a CIG, dende o primeiro mes os atrasos no pagamento das nóminas foron unha constante chegando a cobrar nestes últimos meses con máis de 20 días de atraso, cando o convenio do sector obriga a facer efectivo o pagamento das nóminas entre o día 1 e o 4 de cada mes.
Esta situación non é nova e, de feito, noutras cidades nas que presta os seus servizos está a suceder exactamente o mesmo.