A Coral Valdarrosa retoma as clases de canto coral, guitarra e piano en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas poñerá en marcha o próximo luns 6 de outubro a súa oferta en ensino musical coa continuación das clases de guitarra, piano e canto coral xestionadas pola Coral Valdarrosa, unha entidade sen ánimo de lucro e que por segundo ano consecutivo desenvolverá estas actividades. Os interesados en asistir aos cursos poderán inscribirse no Concello.
Para asistir ás clases de canto coral establécese un mínimo de idade de 14 anos e levarase a cabo coincidindo cos ensaios da Coral Valdarrosa. Terá carácter gratuíto co obxectivo de que a asociación, que cumpre 20 anos de actividade, incorpore novos membros.
Os interesados en clases de guitarra deberán ter un mínimo de idade será de 8 anos cumpridos no momento de formalizar a solicitude. O curso terá un custo de 15 euros ao mes incluíndo as clases dunha hora semanal. O instrumento deberá de ser achegado polo alumno e establécese un mínimo de 5 e un máximo de 10 participantes por grupo.
En relación coas clases de piano, os asistentes deberán ter como mínimo 8 anos e o custo é de 15 euros ao mes para recibir clases dunha hora semanal. A organización dispoñerá de pianos para as sesións formativas dos alumnos.
O Concello de Ponte Caldelas impón unha serie de bonificacións no prezo por asistencia ás clases. Desta forma, dous membros da mesma familia pagará en total 25 euros ao mes por actividade, 3 membros, 30 euros e catro, 35 euros.
Os alumnos que estean interesados en matricularse poden obter toda a información a través de www.pontecaldelas.org