A xuíza suspende a demolición do edificio da rúa Progreso
Por Redacción
A maxistrada titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número tres de Pontevedra acordou suspender a demolición ordenada por sentenza do denominado edificio B promovido por Construcciones Balboa y Chan na rúa Progreso, en Sanxenxo, ata que se resolva o incidente de inexecución da devandita orde instado polo Concello de Sanxenxo.
Así consta na providencia que o luns entrou polo Rexistro municipal tras alegar a Administración local causa de imposibilidade legal á hora de levar a cabo o derrubamento do inmoble xa que outorgou licenza de legalización o pasado mes de maio.
E é que, segundo se desprende tanto dos informes incluídos no expediente de legalización coma do proxecto presentado e das actuacións levadas a cabo no edificio, que inclúen a eliminación da piscina e a subsanación de cuestións menores no soto, o inmoble se axusta ao plan urbanístico en vigor.
Cumpre, pois, o punto 4.2.2.30 incorporado na modificación puntual núm. 2 do PXOM, que é de aplicación a todo o termo municipal e ás numerosas parcelas que presentan as mesmas circunstancias que a rúa Progreso.