Rexeitan os recortes no Ensino Público ante a Delegación da Xunta
Por Redacción
Un grupo de vinte representantes sindicais da CIG-Ensino concentrábase este mediodía ante a Delegación da Xunta para denunciar os recortes que se están a sufrir nos centros educativos públicos sinalando que os recortes levaron consigo a eliminación de 3.000 profesores en Galicia e as consecuencias detéctanse na diminución de profesionais nos centros de ensino.
Os sindicalistas reclaman que se cubran as necesidades e denuncian a negativa por parte do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, a cambiar a situación. Sinalan que dende a páxina web da Consellería se están a enviar informacións manipuladas e falsas sobre as reclamacións da CIG. Dende este sindicato sinala que se estáinclumpiendo a orde de catálogos publicada e que dende a Xunta de Galicia se está a insultar ao profesorado a través da utilización "perversa" da web contra a comunidade educativa.
Marta Dacosta, responsable de CIG-Ensino, indicou que este ano aumentou o número de profesorado itinerante e de docentes que imparten materias que non son da súa especialidade. Denuncia que a Consellería suprimiu para este curso preto de 70 unidades educativas e ao mesmo tempo, aumentaron en 79 nos centros educativos concertados. Por este motivo, dende o sindicato entenden que se empregan criterios para favorecer a educación privada.
Afirman que en centros como o IES Luis Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa a pesar de que hai cen persoas en lista de espera non se crea un segundo grupo para a formación de adultos. E en colexios como o CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) levan esperando dende maio a chegada dun profesor para atender necesidades educativas especiais ante a presenza de alumnos que sofren disfonía, dislexia e outras alteracións que precisan de apoio por un docente especializado.
Ante esta situación, dende a CIG-Ensino vanse enviar escritos aos centros educativos para que reclamen que se cubran as necesidades educativas derivadas dos recortes.