PontevedraViva estrea un novo sistema de comentarios
Por Redacción
PontevedraViva estrea un novo sistema de participación nos comentarios das noticias.
Dende este mércores 1 de outubro, coincidindo co segundo aniversario deste xornal dixital, para poder publicar un comentario será necesario dispoñer dun perfil en Facebook.
Este axuste busca propiciar un debate san e razoado, restrinxindo as intrusións maliciosas. O funcionamento do actual sistema de comentarios non era satisfactorio debido á presenza reiterada de perfís creados para envelenar o debate, provocar e difamar.
PontevedraViva comprobou que en moitos casos a finalidade destes comentarios insultantes era xerar un estado de opinión convulso, confundir ou distorsionar a realidade.
Facebook posibilitará evitar en boa medida o anonimato do que gozan estes molestos usuarios en internet. Moitos deles, segundo detectou PontevedraViva, rexistrábanse con distintos alcumes para así dar a impresión de que a súa opinión era maioritaria e distorsionar a participación.
Ademais, tamén preocupaba que os votos positivos ou negativos puidesen chegar a afogar o debate. A maior parte das votacións realizábanse por motivos ideolóxicos e o obxectivo desta función era evitar o spam e os insultos, non intentar silenciar os que defenderan unha posición discordante coa súa.
Por todo iso e atendendo ás peticións e críticas que trasladaron numerosos lectores, aplicouse esta iniciativa editorial, similar á adoptada por outros medios de comunicación de ámbito nacional, que busca dar unha resposta a este problema. Lamentamos, en todo caso, as molestias que estes cambios poidan causar aos membros da comunidade de PontevedraViva.
FUNCIONAMENTO DO NOVO SISTEMA
Con este novo sistema, calquera persoa poderá comentar as noticias de PontevedraViva. Realizarase a través dunha aplicación que integrará na web o modelo desenvolvido por Facebook na súa rede social. Para que o comentario apareza publicado nunha noticia, o usuario terá que identificarse co seu nome de usuario e contrasinal de Facebook, información que en ningún caso será accesible para PontevedraViva.
Accedendo mediante esta conta persoal, os usuarios poderán dispoñer de todas as ferramentas de comunicación que emprega Facebook no seu sistema. Mellórase tamén a ordenación dos comentarios, priorizando a relevancia social. ÿ dicir, entre outras cuestións, primeiro aparecerán os comentarios dos amigos de cada usuario, os comentarios que máis gustan ou as discusións máis activas. Os que cada persoa marque como spam deixaranse de visualizar.
Todas aquelas persoas que se rexistraron en PontevedraViva durante os dous últimos anos poderán continuar utilizando o seu usuario persoal. Seguirá activo para que o resto de funcións que actualmente ofrecemos aos nosos lectores. Neste sentido, poderán seguir identificando as súas noticias favoritas para poder localizalas con maior facilidade ou publicando anuncios na correspondente sección.
PontevedraViva valora a participación dos seus lectores e espera que estes cambios axuden a que se poida establecer entre todos unha canle de comunicación cordial e plural e onde prime o respecto entre os usuarios e o intercambio de opinións sobre os asuntos de actualidade local.