Barro poderá estrear campo de fútbol de herba artificial en novembro
Por Redacción
As obras de remodelación que dotarán de céspede artificial ao campo de fútbol municipal de Barro estarán rematadas a mediados do mes de novembro. Os traballos contan cun orzamento de 420.201,54 euros e están sendo executados pola empresa Civis Global S.L.
O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Barro, José Antonio Landín, visitaron este martes as instalacións, que sufrirán unha completa transformación do actual campo de fútbol de terra nun campo de herba sintética.
O campo marcarase para dous campos de fútbol 7 e un campo de fútbol 11. Dotarase da correspondente rede de rego composta por seis aspersores; dunha rede de iluminación, con catro torres de 16 metros de altura e catro proxectores de 2.000 watios e ao longo de todo un lateral construirase un gradarío con dúas filas de bancadas. Así mesmo, equiparase con 2 porterías de fútbol 11; catro de fútbol 7; dous banquillos de xogadores e banderíns de córner.
Os traballos marchan a bo ritmo e nestes momentos xa están instaladas todas as canalizacións e tubaxes; completouse o movemento de terras e instaláronse as torres de iluminación. Agora trabállase na dotación dos firmes e bases previos á instalación da capa de céspede artificial e estanse construíndo as bancadas, polo que, se o tempo o permite, os traballos estarán terminados nun prazo de mes e medio.