Maximino estivo ilocalizado dúas horas e 19 minutos na súa tarde sanguenta
Por Natalia Puga
Maximino Couto Durán estivo ilocalizable durante dúas horas e 19 minutos na tarde do 29 de novembro de 2008, na que matou á súa parella Rosario Pose en Tourón (Ponche Caldelas) e logo feriu dous veciños da súa ex muller Herminia Buceta en Mourente, inntetó entrar na casa desta última rompendo a porta cun machete e feriu con arma branca un axente da Policía Nacional que intentou detelo das súas intencións de matar á súa ex muller e os seus fillos, segundo el mesmo declarou tras ser arrestado.
O home, que se suicidou dúas semanas máis tarde en prisión, estaba a gozar dun permiso penitenciario e saíra da prisión da Lama cunha pulseira de control por GPS que debía impedirlle entrar nunha zona de exclusión de 2.000 metros establecida entorno á casa da súa ex muller en Mourente, contra a que tiña orde de afastamento.
O sistema de control do GPS dende a Unidade de Vixilancia Electrónica (UCVE) da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias detectou a desconexión entre a pulseira e o GPS ás 16.26 horas, quedando reflectida tal circunstancia na pantalla do centro de control de Madrid, pero o funcionario que debía controlalo non adoptou ningunha medida ao respecto ata que ás 18.45 horas a Policía Nacional de Pontevedra o chamou. Maximino Couto xa estaba detido e xa deixara ao seu paso un regueiro sanguento.
Ademais, non era a primeira vez en que isto sucedía durante o permiso do que gozaba dende o 25 de novembro. Detectáronse incidencias xa dende a tarde en que saíu de prisión, sen que tivesen ningún tipo de sanción por parte de Institucións Penitenciarias, de modo que a familia do falecido considera que este se afixera a que as súas transgresións da zona de exclusión non obtivesen a resposta axeitada. Tal circunstancia puido animalo a volver invadila na tarde dos feitos.
O transmisor que alertaba da transgresión da zona de vixilancia alertou e o propio interno chamou a UCVE ás 20.20 horas para dicir que ía conducindo e que non chegará á casa ata as 23.00 horas. Ademais, durante a quenda de noite, en que presta servizo o mesmo funcionario da tarde do día 29, falan con el por teléfono no seu domicilio en dúas ocasións porque non está localizado.
Transgredira a zona de exclusión que debía respectar de casa de ex muller catro días antes
Tales incidencias provocaron que ao longo do 26 de novembro, pero sen que conste a hora nos expedientes, tivese que presentarse na prisión para volver activarse o GPS e revisar se tiña anomalías. Entre as 20.00 horas do día 25 e a súa presenza na Lama o 26 consta que ás 21.53 entrou en zona de exclusión.
Ante a constatación do "mal funcionamento do dispositivo GPS que portaba Maximino Couto" durante o seu permiso, a súa ex muller e os seus fillos presentaron unha demanda que xa pasou polo Consello de Estado e agora está pendente de resolución ante a Audiencia Nacional na que reclaman responsabilidade patrimonial da Administración Pública nos feitos. Consideran que non é que o sistema de localización por GPS funcionase mal, senón que se evidencia funcionaron "anormalmente" as persoas destinadas a controlar as alertas que xera ese sistema.
A demanda que agora está en mans da Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional ve que houbo renuncia da Administración do seu deber de custodia do penado durante o tempo de cumprimento da condena.
Tamén cuestiona a pertinencia do permiso penitenciario do que gozaba Maximino Couto cando cometeu estes feitos e mostra a súa queixa porque a súa familia non fora avisada de que estaba de permiso a pesar de ter unha orde de afastamento e estar ameazada polo propio interno, que cumplía unha condena por malos tratos á súa muller e os seus fillos.
Sinala, neste sentido, que xa incumprira a orde de afastamento das súas vítimas tanto antes de ingresar en prisión como ao serlle concedido algún permiso anterior.
Nun permiso penitenciario do que gozara en marzo xa incumprira o seu afastamento
Refírese, neste sentido á posibilidade de que tivese incorrido en incumprimentos non constatados, pero si que hai constancia de que xa había imcumplido a orde de afastamento de 20 anos da súa familia con carácter previo ao seu ingreso en prisión para o cumprimento da condena a dous anos, sete meses e 25 días de prisión. Por estes feitos tiña pendentes de cumplir dúas penas de seis meses por quebrantamento de condena.
Maximino Couto tamén incumpriu as obrigas impostas en permisos penitenciarios anteriores, motivo polo que a súa familia considera que non debía terlle sido concedido o permiso. Así, durante unha saída autorizada entre o 3 e 6 de marzo de 2008 xa ingresara na zona de exclusión que lle foi pautada para o desfrute do seu permiso (establecida tamén en 2.000 metros), feito que naquela ocasión o Madrid si comunicou á Lama, provocando o seu ingreso en prisión ante do fin da súa autorización.