Héroes de Ponte Sampaio pide a compra dos terreos fronte ao colexio público para crear un aparcadoiro
Por Redacción
A xunta directiva da Asociación de Veciños Heroes de Ponte Sampaio solicitou ao Concello de Pontevedra que compre os terreos situados fronte ao colexio público da parroquia.
Este colectivo entende que é "imprescindible" a adquisición dos terreos que son propiedade de dúas familias e están catalogadas como de equipamento a nivel urbanístico no plan xeral de ordenación urbanística.
Ramón Agulla, presidente da asociación, afirma que eses terreos servirían para aparcadoiro do colexio de Ponte Sampaio, sobre todo durante épocas de chuvia cando os pais teñen que baixar aos nenos lonxe do centro escolar provocando que os alumnos cheguen a clase mollados.
O colectivo veciñal considera que estes terreos tamén poderían aproveitarse para a construción dun pavillón de deportes porque, na actualidade, teñen que usar as instalacións de concellos veciños.
Héroes de Ponte Sampaio reclama que convoque con urxencia unha reunión cos colectivos veciñais, educativos e deportivos para avaliar a proposta da adquisición dos terreos para aparcadoiro e contrución dun pavillón deportivo, que sirva para o uso dos escolares.