As novas taxas xudiciais recadaron na provincia de Pontevedra 4,4 millóns de euros
Por Redacción
A senadora socialista Ángeles Marra denunciou este venres en Pontevedra que a reforma feita polo anterior ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón supuxo que os pontevedreses pagaron o ano pasado un total de 4,4 millóns de euros en taxas para poder preitear.
Marra sinalou que en toda Galicia os datos sinalaban que en 2012 se recadaban un total de 5,1 millóns de euros e que o ano pasado a cifra acadou os 13,5 millóns de euros. Un incremento dun 126 por cento "que debería reverter en melloras na propia Xustiza pero non foi o caso", denunciou a senadora socialista.
Outro dos efectos máis salientable da lei de taxas de Gallardón é o descenso dos preitos nos xulgados galegos. Mentres en Galicia no ano 2012 presentáronse 471.727 asuntos, no ano 2013 a cifra cae ate os 464.109, segundo os datos facilitados pola senadora quen asegurou que se debía ao incremento desmesurado das taxas xudiciais.
"Ate os propios maxistrados da Audiencia pontevedresa continuou Ángeles Marra- fai poucos días eximiron a un litigante de pagar as taxas por abusivas".
En Pontevedra tamén caeron os litixios. En concreto en 2012 foron 182.213 e o ano pasado se quedaron en 178.069 "sendo Pontevedra unha das dúas provincias galegas con maior número de litixios".
A senadora do PSdG-PSOE reclamou o novo ministro de Xustiza, que tomará posesión a próxima semana, que mude a lei de taxas porque o único que esta a lograr "é alonxar os cidadáns do seu dereito constitucional da tutela xudicial".
Tamén reclamou do novo ministro a modificación da lei de xustiza gratuíta para garantir que os cidadáns teñan dereito a tutela xudicial cando non teñen recursos.
Por último pediu a retirada do proxecto de lei de planta xudicial "que quere eliminar os partidos xudiciais e sustituilos por un provincial, co cal os cidadáns terán máis dificultades para acceder a xustiza sobre todo na nosa provincia e en toda Galicia pola dispersión poboacional que temos", concluíu Ángeles Marra.
Relacionadas:
-
O Consello Xeral do Poder Xudicial constata "problemas de cargas de traballo" nos xulgados da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Os avogados pontevedreses sairán á rúa contra Gallardón e en defensa da quenda de oficio
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Os socialistas dan a voz de alarma sobre o impacto da lei de taxas xudiciais en Pontevedra
Por Redacción |
-
Manuel Almenar regresa a Pontevedra: "as taxas dificultan o acceso á Xustiza"
Por Natalia Puga |
-
"Confiamos en que el Constitucional tumbe la Ley de Tasas"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |