O PP advirte do aumento das denuncias urbanísticas en Poio
Por Redacción
O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, lamenta que as denuncias urbanísticas se estean multiplicando neste concello, de maneira que xa é o municipio galego que máis denuncias recibiu no último ano e o que máis expedientes abertos acumula na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), segundo apuntou.
Desde o Partido Popular explican que nin teñen nada que ver nin gardan ningún tipo de relación con estas denuncias, das que debería dar explicacións o rexedor local, Luciano Sobral, porque "el sabe o motivo da súa orixe e porque el foi o actor principal dunha práctica moi utilizada polo goberno local de Poio que agora se converte nun auténtico pesadelo para moitos veciños".
Os populares lamentan que "a frase tan empregada polo alcalde durante estes anos, e denunciada tantas veces polo grupo da oposición, ti fai para adiante sen licenza que se non te denuncian non vas ter problema, estase volvendo agora na contra do propio rexedor local e prexudicando sobre todo a centos de veciños que no seu día non pediron as licenzas ou os permisos pertinentes".
Os populares esíxenlle ao alcalde que explique "por que hai tantas vivendas que sen licenza, por que tantos veciños cometeron estas ilegalidades, se houbo algúen que lles dixo que podían prescindir destes permisos e incluso por que algúns veciños temían que chegara outro alcalde diferente polo medo a que denunciara a súa situación".