Sanxenxo véndese como destino de turismo náutico en París
Por Redacción
O potencial de Sanxenxo como destino de turismo náutico dará o salto internacional o próximo venres 7 de decembro. Será na asemblea xeral de France Station Nautiques que se celebra en París, onde a alcaldesa, Catalina González, expoñerá os principais atractivos de Sanxenxo como destino turístico e as súas excepcionais características para a práctica dos deportes náuticos.
A alcaldesa está convencida de que esta modalidade turística "se poderá afianzar no noso municipio co traballo e coordinación de todos os actores e en complemento a toda a oferta de aloxamentos de calidade, praias, saúde e benestar, gastronomía e ocio que nos caracteriza".
En París incidirá nas peculiaridades de Sanxenxo como capital vacacional de Galicia e capital turística das Rías Baixas; os vaivéns poboacionais, o microclima e que dispón da maior oferta hoteleira de Galicia. E engadirá o turismo supón o 80% do PIB e o 60% do emprego local.
Representantes municipais participarán nunha reunión coas Estacións Francesas do Atlántico co obxectivo de buscar sinerxías de colaboración tales como a participación en proxectos europeos, eventos deportivos ou outros.
Paralelamente, Turismo de Sanxenxo estará presente o próximo fin de semana no Salón Náutico de Paris, tanto no posto da Asociación Española de Estacións Náuticas como no de Turgalicia.