Patrimonio autoriza o proxecto arqueolóxico do soar destinado ao tanatorio de Arcebispo Malvar
Por Redacción
Pompas Fúnebres e Alianza y Barros, as dúas empresas que impulsan o proxecto de tanatorio na rúa Arcebispo Malvar, veñen de recibir a autorización de Patrimonio para poder executar a intervención arqueolóxica na zona. Era un trámite necesario antes de poder presentar o proxecto definitivo de construción do tanatorio, que nun principio só quedaría pendente da solicitude da correspondente licenza municipal.
A resolución impón algún matiz técnico ao proceso de execución, puntualizacións que, en principio, non supoñen dificultades importantes. As funerarias só esperan agora o permiso municipal para iniciar de inmediato a actuación.
En concreto, Patrimonio esixe que a área de escavación no espazo no que se atopan os restos da muralla medieval sexa un pouco máis ampla do previsto, e que esta intervención finalice antes de empezar a construción do muro de micropilotes destinado a garantir a estanquidade do soar.
Ademais, limita esta pantalla aos sectores leste, norte e oeste da parcela situada entre Arcebispo Malvar e a Avenida do Uruguai, para evitar afeccións á muralla, e establece a posibilidade de efectuar escavacións extraordinarias caso de ser necesarias e determinar a conservación dalgunha estrutura específica.
Tras esta exhaustiva intervención arqueolóxica, as dúas empresas teñen previsto presentar o proxecto definitivo do tanatorio, un inmoble que, aseguran, contará coas máis modernas calidades e tecnoloxía do sector e cun coidadoso deseño que permitirá a súa completa integración no contorno.
RESPOSTA DO CONCELLO
Desde o Concello de Pontevedra sinalan que, aínda que a autorización non se formalizara ata hoxe, os técnicos municipais xa tiñan coñecemento desta resolución desde o pasado día 9, data na que se celebrou a comisión territorial de Patrimonio.
Indican que a empresa deberá agora realizar unha "exhaustiva intervención arqueolóxica" no soar. Esta intervención proporcionará datos e vestixios que determinarán o proxecto arquitectónico final.
No momento en que haxa que tramitar a licenza do edificio, o Concello seguirá, como sempre, o procedemento legal e regulado, e aceptará o que digan os informes sectoriais vinculantes en materia de Patrimonio e de Policía Sanitaria-Mortuoria, que dependen da Consellería de Sanidade.
En todo caso, desde o goberno municipal lembran que o expediente en marcha é para un tanatorio e non para un crematorio, polo que non está afectado pola suspensión cautelar das licenzas para estes usos, derivada da modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana.
Relacionadas:
-
O proxectado tanatorio de Arcebispo Malvar, pendente das escavacións arqueolóxicas
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ultima a modificación do Plan Xeral para regular o tipo de solo apto para acoller crematorios
Por Redacción |
-
O proxecto de construción dun tanatorio en Arzobispo Malvar segue adiante
Por Redacción |
-
Máis trabas para o crematorio en Arcebispo Malvar: Patrimonio pide un estudo arqueolóxico
Por Alejandro Espiño |
-
Alianza y Barros e Pompas Fúnebres negocian con Xestur instalar o seu crematorio na Reigosa
Por Redacción |