O Cristo de Santa Mariña ingresa en quirófano
Por Redacción
O arqueólogo municipal de Cambados, Ángel Acuña, e o experto en restauración patrimonial José Manuel Aguiño, dirixiron este mércores as tarefas de retirada do Cristo situado tralo altar maior do templo das ruinas de Santa Mariña, traballos que se alongaron durante case tres horas e que remataron co traslado da peza a un taller especializado onde se someterá a estudo a súa eventual restauración.
Operarios municipais instalaron a primeira hora da mañá un andamio detrás do altar que facilitou a colocación dun pequeño guindastre co cal se baixou o Cristo de madeira previamente engasado, recuberto e protexido con material plástico de embalaxe. O traslado realizouse coa máxima precaución para evitar posibles danos na figura que conta cun século de antigüidade.
A peza atópase nun estado de avanzado deterioro, pesa arredor de 100 quilos e mide preto de 3 metros de altura. Os expertos coinciden en diagnosticar que, malia os danos producidos na madeira, a peza que foi doada por unha familia cambadesa á Igrexa hai máis de 100 anos- é recuperable.
O restaurador José Manuel Aguiño vai realizar no seu taller un diagnóstico en profundidade da imaxe relixiosa para determinar a viabilidade dunha restauración e a canto poderían elevarse os custes da mesma. Según o alcance destes presupostos, decidirase se se leva a cabo a recuperación da imaxe do Cristo crucificado.
O arqueólogo municipal considera que a imaxe tería que ser sometida a un tratamento insecticida e funxicida para eliminar as causas que determinaron o seu deterioro, que se foi facendo patente nos últimos anos, e despois efectuaríanse outros labores de consolidación e restauración da madeira.