As pistas polideportivas de Ponte Caldelas serán de uso libre e gratuíto
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas pon a disposición do público en xeral o uso das catro pistas polideportivas municipais ao aire libre existentes no municipio, situadas en Chan da Barcia, A Reigosa, A Insua e Caritel co fin de que se poidan utilizar libre e gratuitamente sen necesidade de solicitar autorización previa ou recoller a chave en establecementos ou domicilios particulares que dificultaban a súa ocupación.
A partir de agora, como sempre, o uso destas pistas será totalmente gratis e para a súa utilización non será necesario reservar hora, posto que poderán ser usadas libremente por calquera persoa e xa non será obrigatorio solicitar a chave da porta, ao permanecer sempre abertas.
Con esta medida preténdese facilitar o seu uso sen que teña que estar pendente un operario municipal de abrir ou pechar a porta e dáse unha oportunidade aos usuarios para que autorregulen o seu uso dun xeito eficaz e participativo.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, espera que se faga un uso responsable por parte de quen utilice estas pistas polideportivas ao aire libre que permita a suficiente rotación na súa utilización, evitando abusos e sobre todo impedindo que se provoquen danos aos peches de reixa que, antes, eran obxecto de roturas para poder penetrar nos recintos deportivos.
QUEDADA AUTOMOBILÍSTICA
O Concello prohibirá, ademais, durante todo o próximo sábado o estacionamento de vehículos nas inmediacións de Chan da Barcia co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da novena edición da KDD só vag Galicia que se celebrará o 27 de setembro en Ponte Caldelas.