Un conxunto escultórico na pasarela Adrio Barreiro recordará os fusilados o 12 de novembro de 1936
Por Alejandro Espiño
Un novo conxunto escultórico unirase aos xa existentes na cidade de Pontevedra. Estará situado na pasarela de José Adrio Barreiro, entre as rúas Doce de novembro e Loureiro Crespo. Servirá para homenaxear a todos os represaliados pola ditadura o 12 de novembro de 1936. Así o anunciou o voceiro do goberno municipal, Raimundo González, tras a Xunta de Goberno deste luns.
Aprobouse investir uns 60.000 euros na construción desta escultura que busca, sinalan dende o goberno local, perpetuar a memoria dos dez fusilados aquel día e, por extensión, servir de recordo a todos os represaliados.
En concreto, o monumento recordará as figuras do impresor Ramiro Paz Carvajal; o avogado José Adrio Barreiro; os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana; os mestres Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rei Pavón; o xornalista Víctor Casas Rey e o capitán Juan Rico González.
A todos eles se lles dedicou unha rúa hai anos e na súa honra organízase, anualmente, un acto cívico nas inmediacións desta pasarela. Coas obras de reforma integral desta zona, houbo que retirar o muro perimetral e o monolito, que a xeito de monumento recordaba a memoria dos fusilados en 1936. Xa entón, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, anunciaba que se colocaría un novo conxunto escultórico.
A intención do goberno municipal é que esta escultura poida ser inaugurada o próximo 12 de novembro durante o acto cívico en recordo dos represaliados que se celebrará coincidindo co 78 aniversario destes fusilamentos.
Relacionadas:
-
Unha ofrenda floral lembrará o xoves o 79 aniversario dos fusilamentos do 12 de novembro
Por Redacción |
-
O monumento en memoria dos fusilados xa ilumina a pasarela do 12 de novembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Sergio Portela deseñará o conxunto escultórico en recordo aos fusilados o 12 de novembro de 1936
Por Redacción |
-
A nova cuberta do tren na Parda converterase en zona verde e espazo deportivo
Por Natalia Puga |
-
As obras obrigan a suspender a homenaxe anual aos fusilados o 12 de novembro
Por Redacción |
-
A 'pasarela' de Adrio Barreiro estreará o seu novo aspecto antes do Nadal
Por Alejandro Espiño |