As farmacias pontevedresas únense para detectar a diabete: farán probas gratis durante dous meses
Por Redacción
Cun simple cuestionario de tan só oito preguntas, validado internacionalmente, pódese estimar a probabilidade de desenvolver diabete tipo 2 nos próximos dez anos. Chámase o test de Findrisk e é o primeiro paso que deron os pontevedreses que se achegaron á carpa instalada polo Servizo Galego de Saúde e o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra durante este venres na Praza de Ourense.
Todos eles eran maiores de 18 anos e participaron neste programa piloto para a detección de persoas en risco de padecer esta patoloxía ou alteracións do metabolismo dos hidratos de carbono.
No caso de que a puntuación do test indicara risco alto, realizarase na farmacia unha glicemia basal capilar, é dicir, unha análise que se realiza pinchando un dos dedos e extraendo unha pinga de sangue. Se os resultados desta análise confirman os do test, derivarase á persoa ao seu centro de saúde onde se continuará coa actuación sanitaria axeitada a cada paciente.
Esta iniciativa, que se desenvolve por primeira vez en España, deu comezo nesta carpa, pero todos os interesados poderán achegarse durante os dous próximos meses a calquera farmacia da cidade para realizar esta proba. Posteriormente, realizarase unha avaliación segundo os resultados e estudarase a súa extensión ao resto da comunidade autónoma.
O programa facilitará, mediante unha abordaxe colaborativa e multidisciplinar, a detección da diabete de forma precoz, reducindo así a gravidade desta patoloxía ademais das futuras complicacións e ingresos hospitalarios asociados a ela , e permitirá á vez promover estilos de vida saudables que modifiquen o estado de risco alto ou retrasen a aparición da enfermidade.
Ademais, a iniciativa inclúe tamén un programa educativo para os cidadáns que, sen precisar ser derivados ao centro de saúde, amosen un risco elevado de desenvolver a enfermidade.
En España calcúlase que polo menos o 30% da poboación sufre algún tipo de alteración do metabolismo dos hidratos de carbono, e a prevalencia global da diabete é do 13,8%. Destes doentes, aproximadamente a metade descoñecen que teñen esta patoloxía. En Galicia, a diabete ocupa o sexto lugar como causa de mortalidade e a cuarta como causa de morbilidade crónica en Atención Primaria.
Relacionadas:
-
Os boticarios de Pontevedra renden homenaxe aos seus compañeiros máis veteranos
Por Redacción |
-
Animan a inundar Pontevedra cunha 'marea azul' contra a diabete
Por Alejandro Espiño |
-
O Teatro Principal conciénciase sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Por que o Concello se pinta de azul?
Por Redacción |
-
E ti como tes o azucre?
Por Redacción |