Preto de 1.000 familias recibiron asesoramento sobre a factura da luz
Por Redacción
Preto de 1.000 familias pasaron xa polas dez oficinas de asesoramento sobre a factura de electricidade postas en marcha pola Deputación e a Unión de Consumidores de Galicia nos primeiros 17 días de funcionamento.
O vindeiro 24 de setembro terá lugar unha sesión informativa na sede da Deputación en Pontevedra. Será ás 20,00 horas e nela os asistentes terán ocasión de obter as claves xerais para obteren o maior aforro posible na súa factura eléctrica.
Os datos recollidos nas oficinas reflicten a existencia de numerosas dúbidas entre os cidadáns incluso no que respecta a algo tan básico como é con quen teñen contratado o servizo.
Os técnicos da Unión de Consumidores constataron que á complexidade do tema e á falta de transparencia se están sumando prácticas abusivas: ocultación de información relevante para o consumidor (como a posibilidade de acceder ao bono social ou sobre as tarifas de discriminación horaria), a existencia de penalizacións aos usuarios incumprindo os requisitos legais, ou o desenvolvemento de campañas de captación de clientes agresivas.
A información que se lles presta aos que acoden a estas oficinas é detallada e adaptada ao seu caso particular para que poidan dar os pasos que lle van permitir aforrar na súa factura e facer fronte a posibles enganos ou abusos.
Detectáronse casos de falta de transparencia e prácticas abusivas
O motivo central que leva aos usuarios a acudir ás oficinas de asesoramento é a busca de solucións que lles permitan aforrar na súa factura, polo que, ademais das consultas relativas ao mercado libre e regulado e as posibilidades e condicións para cambiar de un tipo de contrato a outro, as cuestións máis repetidas refírense á existencia de axudas públicas (tarifa de último recurso e tícket eléctrico social, que moitos dos asesorados descoñecían); á conveniencia ou non de acollerse a unha tarifa de discriminación horaria; se a potencia contratada é a que precisan ou non ou as vías de reclamación ante problemas coa facturación e, especialmente, no caso de contratacións non consentidas.
Relacionadas:
-
Máis do 80% das 3.500 familias atendidas pola Unión de Consumidores pagaban de máis na súa factura eléctrica
Por Redacción |
-
Amplían ata finais de novembro o servizo de asesoramento da factura enerxética
Por Redacción |
-
Expertos tratarán de poñer luz sobre a factura eléctrica
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra acollerá unha das 10 oficinas de asesoramento personalizado sobre a factura eléctrica
Por Redacción |