"Moitas cidades envexan o modelo de Pontevedra, pero non se atreven a aplicalo por covardía política"
A visita de Intermodes a Pontevedra chegou á súa fin. Tras dous intensos días parte da comitiva volveu á casa, mentres que outros optaron por seguir coñecendo as Rías Baixas. Pero antes de marchar da cidade, a súa presidenta, Natalie Leclerc, quixo compartir cos xornalistas pontevedreses as súas impresións tras coñecer 'in situ' o modelo urbano, recoñecido no seu día a través da iniciativa de Metrominuto.
A responsable de Intermodes, unha axencia europea especializada en asuntos de transporte e mobilidade, destacou que a visita a Pontevedra lles serviu para comprobar o funcionamento do modelo urbano aplicado na cidade, "un modelo de desenvolvemento que cremos que debe ser compartido co maior número de cidades posibles".
Recordou que unha directiva europea sinala que, a partir do 1 de xaneiro de 2015, as urbes da Unión Europea deberán ser accesibles "e Pontevedra cumpriu antes que os demais", apostando ademais por unhas rúas que son "primeiro para os peóns e despois para os coches". Natalie Leclerc afirmou que "pode animar a que outras cidades de igual tamaño que Pontevedra a se poñan a traballar".
"Pontevedra, nese sentido, vai por diante na forma na que as cidades van evolucionar", sinalou a presidenta de Intermodes, que foi moi firme ao asegurar que o modelo urbano desta cidade "o envexan en moitas outras cidades", pero na maioría delas non se atreven a aplicalo "por covardía política, por medo ás reaccións ou ás críticas que poidan provocar estes cambios".
Natalie Leclerc explicou que tras o percorrido que os membros de Intermodes realizaron polas rúas da vila do Lérez, entenderon que "calquera que chega a Pontevedra ve que é unha cidade feita para vivir", non só nas súas casas senón tamén gozando dos seus espazos públicos. "ÿ o gran logro de Pontevedra", dixo, destacando que "todo está feito para que non haxa obstáculos para o peón ou para persoas con mobilidade reducida".
Preguntada polos xornalistas sobre algún defecto que vise na cidade, a presidenta deste colectivo afirmou que "a min me gusta todo tal e como está", se ben recoñeceu que "eu non vivo en Pontevedra, así que quizais debería vir a instalarme e así vos poida falar diso". En todo caso, debido a experiencias previas, mostrouse convencida de que "a poboación adáptase aos cambios e unha vez que iso pasa, encontran que é un modelo moi interesante.
Si deixou, en cambio, unha recomendación para seguir avanzando nesta planificación da mobilidade. "O que defendemos como modelo é a intermodalidade", subliñou. Leclerc destacou que comprobaron que en Pontevedra "se apostou por limitar o acceso aos coches nas zonas máis céntricas e non se permite desprazarse á xente en coche doadamente, pero fóra dese perímetro teñen total liberdade". Pero sinalou que é hora de "ir máis alá".
De aí que indicase que "agora toca preocuparse dos desprazamentos interurbanos". Iso si, viña coa lección aprendida acerca da repartición de competencias nesta materia, porque recordou que "iso xa non lle compete a Pontevedra".
Relacionadas:
-
Unha cidade saudable
Por Redacción |
-
Pontevedra, referente mundial: premiada por Dubái e a ONU polo seu modelo de cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Ciudades que caminan ve en Pontevedra o "referente que queremos exportar al resto de la red"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra 'venderá' o seu modelo de cidade en Madrid, Porto, Bilbao e Alacante
Por Alejandro Espiño |
-
María Seguí, directora da DGT, visitará Pontevedra en febreiro para coñecer o modelo de cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Os membros de Intermodes, sobre Pontevedra: "ÿ fantástica, o seu modelo é único en Europa"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Welcome to Pontevedra, Intermodes!
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Os 'xefazos' de Intermodes en Pontevedra, invitados polo Concello e Turismo Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |