Santos Héctor: "para que nos crean, as primeiras pontes que temos que tender é entre nos"
Por Redacción
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra, Santos Héctor, presidiu este sábado o comité provincial do partido asumindo erros polos resultados electorais das últimas autonómicas e facendo un chamamento á unidade dentro da agrupación pontevedresa.
"Para que nos crean, as primeiras pontes que temos que tender é entre nós", foi a súa última frase na intervención aberta aos medios. Despois celebrouse unha reunión interna na que se deixaron notar as discrepancias dentro da Executiva.
Santos Héctor abriu o comité provincial convocado para analizar os resultados electorais e abrir o proceso de renovación interna do partido asumindo o "desastre electoral sen paliativos", pero cunha reivindicación do PSdeG pontevedrés como un partido "con músculo". Asumiu que perderon 71.000 votos, pero queda coa parte positiva de que máis de 100.000 pontevedrés lle votaron.
A intervención inicial foi un chamamento á unidade que parecía responder xa publicamente ás peticións internas de dimisión que se realizaron durante o resto da xornada de traballo. A intervención máis crítica, como xa se esperaba, chegou de parte da secretaria xeral de Baiona e secretaria de Infraestruturas na executiva, Isabel Domínguez, que formalizou a súa dimisión xa anunciada.
Algúns integrantes do partido, descontentos coa xestión de Santos Héctor, pediron a súa dimisión e a convocatoria dun congreso ordinario a nivel autonómico para "reformulalo todo e renovar todas as executivas". Este sector crítico cre que a celebración dun congreso extraordinario como o que quixo promover o secretario xeral, Pachi Vázquez, tras o resultado electoral non é a solución.
Para conseguir esta unidade que parece que non todos están dispostos a apoiar, Santos Héctor cre que a familia socialista ten que apostar pola política municipal e defendeu ante os seus que "hai outros partidos aos que xa lles gustaría ter a estrutura que nós temos". "Temos capacidade suficiente para saír adiante", indicou.
Non faltaron as referencias a Pachi Vázquez, do que indicou que xa anunciou "por activa e por pasiva" a súa intención de non presentaron á reelección como secretario xeral dos socialistas galegos nin como o seu candidato a presidir a Xunta de Galicia, de modo que "non hai un obstáculo aí".
Santos Héctor tamén aproveitou a súa intervención aberta aos medios para indicar que se debería potenciar a disolución de administracións intermedias como as deputacións provinciais, que, no caso de Pontevedra, ten "un goberno caciquil e pouco ou nada transparente" ou as subdelegacións do Goberno, das que opina que "non teñen sentido hoxe en día".