"No fui consciente del daño que le estaba haciendo", asegura o vigués acusado de estrangular á súa parella
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra Antonio, un vixilante de seguridade de Vigo, acusado de botar un calefactor á auga cando a súa muller estaba na bañeira coa intención de electrocutala e posteriormente, como ela puido chegar ata o cuarto, estrangulala ata que ela quedou inconsciente, o que provocou que entrase en estado de coma.
Antonio recoñeceu ante o tribunal que, na tarde daquel 3 de novembro de 2012, tras unha forte discusión e en medio dun forcexo, "la agarré por el cuello" e engadiu "todo fue muy rápido y no tuve tiempo de pensar", polo que "no fui consciente del daño que le estaba haciendo". Ao perder a súa parella o coñecemento "me asusté", comprobando as súas constantes vitais, colocándoa en posición lateral de seguridade e avisando inmediatamente o 061 explicándolles o que sucedera.
Pola contra rexeitou que tivese intentado electrocutar a súa parella. Segundo a súa versión el mesmo durante a rifa ameazou con suicidarse na bañeira se ela non lle poñía atención.
A vítima non puido achegar a súa versión sobre este episodio de violencia xa que sofre unha amnesia parcial que lle impide recordar o sucedido. De feito, despois de seis días en coma nin sequera recordaba o motivo polo que se encontraba no hospital, negando ante a Policía que tivese sufrido malos tratos.
"Es muy costoso reconocer que eres víctima de violencia de género", admitiu a moza no xuízo
"Es muy costoso reconocer que eres víctima de violencia de género", admitiu "no me lo quería creer".
Segundo declarou durante o xuízo foi ao regresar á súa casa cando recordou o acontecido no cuarto de baño, segundo dixo o acusado botou un calefactor á bañeira na que ela se encontraba, o que provocou que saltase o diferencial e se fose a corrente eléctrica. A continuación fuxiu ao cuarto e vestiuse para escapar de casa. Non recorda nada máis.
A Fiscalía no seu escrito de acusación coincidía coa acusación particular en cualificar o acontecido como un asasinato en grao de tentativa polo que inicialmente solicitaban 14 anos, 11 meses e 29 días de prisión.
Ao elevar a definitivas as súas peticións de pena o Ministerio Público modificou a súa cualificación dos feitos a un delito de lesións "al haber desistido el acusado de su acción de matar", explicou a fiscal ao facer referencia á figura penal do "desestimiento activo" unha escusa absolutoria.
Tendo en conta que o acusado leva en prisión dende o momento no que se produciron os feitos e que a pena máxima por este delito de lesións é de tres anos, o avogado da defensa solicitou a inmediata posta en liberdade do seu cliente ao ter cumprida máis da metade da pena.
Non obstante a acusación particular reafírmase en que o acontecido é un asasinato en grao de tentativa e mantén a petición de 15 anos de cárcere.
Por isto, o letrado da defensa esgrime a existencia dunha escusa absolutoria, e engade as atenuantes de confesión, dilacións indebidas pola tardanza na celebración do xuízo, reparación do dano (o acusado entregou á vícitma unha compensación de 10.000 euros) e alteración psíquica (os forenses sosteñen que o acusado sofre estrés que lle provoca unha falta de control dos seus impulsos).
O caso quedou visto para sentenza.