Catro asociacións do ámbito da discapacidade 'capitanearán' o centro cívico de Pontevedra Sur
Por Alejandro Espiño
Amencer, Juan XXIII, Amizade e Xuntos. Son catro das asociacións que traballan no ámbito da discapacidade motora ou psíquica en Pontevedra. Todas elas atenden diariamente a un gran número de usuarios e as súas actuais instalacións quedaron pequenas. Este déficit de espazo resolverano grazas ao acordo ao que chegaron co goberno municipal. Ocuparán gran parte da antiga residencia da ONCE en Campolongo.
Son as que recibirán un maior número de metros cadrados do denominado Edificio Sur, o nome co que se coñece o proxecto para crear un gran centro cívico e social nestas instalacións propiedade do Concello de Pontevedra. Cada unha delas ocupará unha das catro plantas do inmoble e a súa rehabilitación e adecuación interior correrá a cargo dos seus futuros inquilinos, en función das necesidades do proxecto que queiran desenvolver nel.
Carmen Fouces, que se reuniu este martes con representantes destes catro colectivos, avanzou que os servizos xurídicos están a traballar xa no documento de cesión do uso do edificio e os técnicos municipais se ocuparán de revisar as instalacións para resolver cuestións, entre outras, relativas á auga, a luz ou a calefacción. En total, o Concello investiu uns 200.000 euros na reforma estrutural do edificio.
En concreto, Amencer destinará a súa planta á creación de vivendas protexidas e tuteladas para que persoas con discapacidade poidan dispoñer de "certa independencia", segundo explicou o seu presidente, Carlos Godoy. Calculan que poderán acoller uns 25 usuarios, que estarán asistidos por profesionais. Pola súa banda, o responsable de Xuntos, Manuel Pérez, explicou que a súa asociación trasladará todas as súas sedes ao edificio, onde atenderán aos seus 98 socios.
Carmen Puga, presidenta de Juan XXIII, avanzou que prevén habilitar unha vivenda para discapacitados con certa autonomía e trasladar ao edificio a sede da fundación para o emprego de persoas con discapacitados, que actualmente dá traballo a 30 persoas. Por último, o presidente de Amizade, Paulo Fontán, estima que poderán celebrar as súas actividades "cunha maior calidade", trasladar o seu servizo de intermediación laboral e crear aulas de formación.
O Fondo Galego de Cooperación porá en marcha un proxecto integral para Pontevedra e abrirá sede na cidade
OUTROS PROXECTOS PARA O EDIFICIO
Estas asociacións ocuparán gran parte do edificio, pero haberá sitio para moitas máis. A concelleira de Benestar Social destacou que o Concello de Pontevedra non quería unhas instalacións exclusiva para este ámbito. Esperan que se converta nun "polo de atracción" para outros colectivos "alleos a ese mundo", con moitos dos cales xa se está a negociar actualmente para que trasladen a súa actividade a este centro cívico.
Entre eles, Carmen Fouces citou as tres asociacións de veciños do barrio de Campolongo, a Coral Polifónica ou a Sociedade Galega de Antropoloxía. Non estará finalmente a Universidade de Vigo, que entende que o espazo dispoñible non era suficientemente grande para o proxecto que pensaran para este inmoble, relacionado coas tarefas de investigación no campus pontevedrés.
A universidade si colaborará, en cambio, cun proxecto integral que poñerá en marcha en Pontevedra o Fondo Galego de Cooperación. Había unha "oportunidade", segundo Fouces, para que esta asociación "viñese para Pontevedra" e abrise unha sede neste centro cívico. Os detalles desta iniciativa coñeceranse en próximos días.
Relacionadas:
-
Pontevedra, capital da cooperación municipalista
Por Natalia Puga |
-
O local Centro Sur en Campolongo xa acolle as actividades das asociacións do sur da cidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O pavillón da ONCE xa pode usarse; a antiga residencia terá que esperar un pouco máis
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O traslado de colectivos sociais ao centro cívico de Campolongo, pendente dun trámite da ONCE
Por Alejandro Espiño |
-
A Obra Social "la Caixa" entrega 60.000 euros a oito proxectos sociais en Pontevedra
Por Redacción |
-
Un centro cívico social e cultural, proposta do BNG para o vello edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
As obras do centro cívico da zona sur concluirán no verán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A antiga residencia da ONCE reconverterase no "gran centro cívico da Pontevedra Sur"
Por Alejandro Espiño |