Velorio á luz das candeas contra os recortes
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Coas luces apagadas e á luz das candeas en sinal de dolo polos dereitos que están a perder. Así saíron á rúa este venres pola noite os veciños de Bueu en protesta contra os recortes postos en marcha nos últimos meses polo Goberno central.
Os veciños da bisbarra do Morrazo volveron saír á rúa, unha vez máis, para manifestar o seu rexeitamento ás políticas de recortes do Executivo de Mariano Rajoy. Bueu, Cangas e Moaña protestaron, pero foron os buenenses que tiraron máis de imaxinación para facer ver o seu malestar.
Ao redor de 300 veciños participaron na marcha convocada pola Alianza Social do municipio pola zona de Banda do Río e Pazos Fontenla. Para 'velar' a economía doméstica que se está a ver afectada polas medidas gobernamentais apagaron todas as luces da zona e, no medio da escuridade, só deixáronse ver as súas candeas de duelo.
Á protesta sumáronse veciños e comerciantes, que apagaron as luces dos seus negocios, representando a situación á que moitos temen verse abocados de apagar para sempre os seus comercios se a perda de poder adquisitivo das familias do municipio e a bisbarra seguen baixando e se reduce, aínda máis, o consumo.
A suba das taxas xudiciais recén aprobada polo Goberno estatal foi un dos motivos de protesta dos veciños de Bueu nunha mobilización á que se sumaron dende mozos a xubilados e que marchou tras unha pancarta do sindicato CIG.