O taijí en Santa María pecha a programación de Ponteverán
Por Redacción
Este fin de semana rematan as actividades de Ponteverán 2014 cunha exhibición de taijí na avenida de Santa María e no Pavillón municipal coa participación dunha vintena de persoas interesadas na ximnasia procedente da cultura oriental.
As propostas de Ponteverán 2014 organizadas pola Concellaría de Xuventude contaron coa intervención de case 1.700 mozos de entre 8 e 35 anos. A maioría destas actividades consistentes en cursos, obradoiros e campamentos contaron coas prazas completas e nalgúns casos rexistráronse listas de espera.
A actividade que contou con máis participación foi a do festival Apadriña un Jam 5.0 que sumou a máis de 1.000 persoas procedentes de distintos puntos de Galicia para xogar no campionato de basket 3 x 3, participar na exhibición de skate, de graffiti e breakdance nas pistas de Campolongo.
A organización considera un éxito a asistencia a todos os eventos de Ponteverán xa que se cubriron o 89% das prazas ofertadas.