Os hippies van de guateque ao Museo
Por Diego Torrado
Flores no pelo, traxes vaporosos e camisas de cores rechamantes deixáronse ver durante a noite deste venres polas instalacións do Sexto edificio do Museo de Pontevedra con motivo da celebración dun guateque que pretendía recrear as festas que se celebraban nas décadas dos sesenta e dos setenta.
O guateque estivo amenizado coa música en directo do grupo Nocturnos de Balde, que fixo bailar a todos os asistentes con ritmos de twist, fox-trot ou de música popular de hai máis de corenta anos.
Instalouse tamén un photocall para que todos os asistentes quedasen inmortalizados ao seu paso pola festa. Tamén se proxectaron fotografías da época.
Esta actividade organizada polo Museo de Pontevedra e a Deputación contou coa colaboración de asociacións culturais do municipio como a SCD de Mourente, Amigos de Campolongo, ACFoula, A VV San Miguel de Marcón, AS Os Carballiños. AC Polavila, AC Veira do Río de Pontesampaio e AC Arume. Entre os asistentes encontrábase a deputada provincial e concelleiro do Partido Popular en Pontevedra, Ana Isabel Vázquez, con estética hippy.