Todo listo en Cuntis para regresar aos anos 20 coa III edición da festa Belle Epoque
Por Redacción
Xa está todo listo en Cuntis para regresar aos anos 20. Este sábado 13 de setembro celébrase a terceira edición da festa da Belle Epoque, un evento que en moi pouco tempo se consolidou entre as celebracións históricas da provincia de Pontevedra. As principais rúas do municipio xa se encontran ambientadas acorde á época e os cuntienses céntranse nos últimos detalles dos seus vestidos.
As actividades programadas polo Concello de Cuntis empezarán ás 11.00 horas coa obra de teatro infantil Os Tres Porquiños, de Educateatro Producións, na rúa da Igrexa e a continuación circo con xogos da época para nenos e maiores. A esa mesma hora abriranse xa os postos do mercado de artesanía e comezarán os paseos en carruaxe, que estarán dispoñibles durante toda a xornada.
Ás 12.00 horas representarase a visita do rei Alfonso XIII á vila, que dará pé a unha serie de representacións musicais e teatrais como o concerto da Fermosa Charito (12.30 horas, Bar Quico), a actuación de Os moinantes con Lavandeiras (13.00 horas), a proxección da película A Belle ÿpoque (13.15), a actuación dun grupo de claqué con Sitting Pretty (13.30 horas) e o espectáculo de monicreques O lobo feroz de Sésar Lombera (13.45 horas).
A tradicional comida da Belle Epoque comezará sobre as 14.00 horas. Por un prezo de dez euros, os interesados poderán acudir aos diferentes restaurantes colaboradores para degustar un menú composto por flor de ensalada rusa, escalope empanado con gornición tropical, xeado, pan e bebida.
Pola tarde, a partir das 16.30 horas, continuarán as actuacións musicais e teatrais por todo o centro histórico, repetíndose a maior parte dos espectáculos matinais en diferentes horarios. Tamén haberá representacións a cargo da Escola Artistica de Cuntis.
Todo iso para animar a festa ata a chegada do evento central da festa da Belle Epoque, a gran cea baile de época que este ano terá lugar na luxosa carpa que se instalou na Praza da Constitución. Todos os asistentes deberán asistir vestidos da época e abonar 30 euros por persoa. Comezará ás 22.00 horas e sobre as 00.30 horas comezará o baile, ao que poden acudir todos aqueles que non desexen cear. Se é o caso, pagarán cinco euros.