Lores: "Sabemos que a nosa rebeldía e insubmisión poder ter os seus riscos, pero asumímolo"
Por Alejandro Espiño
A decisión do Goberno central de recorrer ante o Tribunal Constitucional a decisión do País Vasco de abonar a paga extra aos seus funcionarios tivo os seus ecos en Pontevedra. Aquí, os traballadores do Concello de Pontevedra cobraron xa, xunto coa nómina de novembro, un complemento de produtividade que compensa a perda da paga extra de Nadal. E o alcalde defendeu a posición municipal.
"Nós nos imos de farol. Xa executamos a medida", afirmou Miguel Fernández Lores. "Somos a primeira administración de Galicia e probablemente do Estado que ten pagada unha cantidade económica que substitúe a paga extraordinaria". Segundo o alcalde, trátase dunha decisión meditada. "Nós o facemos conscientemente", dixo, tras recordar que se abonou en virtude dun expediente administrativo "ben montado para que non podan liala".
Pero Fernández Lores foi máis aló. Asegurou ser consciente "desde o primeiro día" que esta decisión de "actuar con rebeldía e insubmisión a esa medida, desobedecer a decisión do Goberno, pode ter os seus riscos, pero todo o goberno está disposto asumilo". O rexedor explicou que o Concello pode asumir "perfectamente" esta paga extra. "Estamos saneados e os traballadores cumpren a súa función, polo que merecen cobrar esa paga".
Neste sentido, apuntou que esta medida "inxusta", está xerando diferentes iniciativas en concellos gobernados "por todas as forzas políticas", polo que indicou que "todos deberiamos facer o mesmo, xa que pola vía de reducir salarios e investimento público, increméntase o paro e seguimos cavando non pozo".
Miguel Fernández Lores concluíu reiterando que está tranquilo de que esta decisión do Concello de Pontevedra poida dar lugar a algunha denuncia xudicial ou unha actuación administrativa contra o goberno local, porque "somos conscientes desde o primeiro momento e asumímolo".
Relacionadas:
-
Ningún político declarará este xoves no xuízo pola paga extra abonada aos funcionarios
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno denuncia ao Concello para que os funcionarios devolvan a paga extra
Por Oskar Viéitez |
-
Acusan ao delegado do Goberno de "entrometerse" na paga extra aos funcionarios municipais
Por Alejandro Espiño |