O CHOP, declarado hospital universitario
Por Redacción
O Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) foi declarado Hospital Universitario, nunha xuntanza da Comisión Mixta entre a Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde que tivo lugar este mes.
Isto supón que o centro sanitario pontevedrés poderá, a partir de agora, impartir tamén docencia pregrao, en períodos lectivos, na titulación de Medicina e noutras titulacións de ciencias da saúde.
A certificación como persoal universitario repercutirá de forma positiva, non só no aspecto docente, senón no ámbito da investigación e da propia asistencia. Permitirá abrir novas vías de investigación, participar en grupos de investigación de maior calado, ser máis competitivos á hora de se presentar ás distintas convocatorias; e, acceder á carreira docente.
No plano organizativo e asistencial, obrigará a manter uns estándares de calidade para manter a acreditación, que repercutirán de xeito directo en beneficio dos pacientes da área.
Para os estudantes de Medicina que proceden da zona suporá que poderán realizar amplos períodos de docencia programada, no curso lectivo, nun ámbito hospitalario de recoñecido prestixio, tanto polas súas instalacións como polos seus profesionais, e próximo a súa residencia.