A Deputación reduce o seu orzamento para 2013 e destina 15 millóns para amortizar a súa débeda
Por Alejandro Espiño
O orzamento da Deputación de Pontevedra para 2013 xa está redactado. Ascende a 148,5 millóns de euros, un 2,77% menos que en 2012. Entón superou os 152 millóns de euros. Trátase dunhas contas que, segundo destacou o responsable económico da institución provincial, José Manuel Figueroa, "solventes e equilibradas", xa que para financiarse "non acudimos a préstamos".
"A crise afecta a todos, pero a Deputación está facendo ben as cousas. Non temos especiais dificultades económicas, porque fixemos un bo traballo nos tempos de bonanza", sinalou o vicepresidente provincial. "ÿ para estar razoablemente satisfeitos".
José Manuel Figueroa apuntou que a Deputación non só xerará en 2013 "débeda cero", senón que destinará 14,9 millóns de euros para amortizar a débeda da institución, cifrada en 92,7 millóns. O obxectivo é, segundo o dirixente popular, que no ano 2018 "non teñamos nin un só euro de débeda".
Figueroa recordou que estes orzamentos están principalmente dirixidos a axudar aos concellos de menos de 20.000 habitantes, "e que teñen moitas dificultades, porque teñen moitas menos posibilidades de ingresos" que os municipios de maior tamaño.
En canto ás principais partidas destes orzamentos, que se presentarán no pleno da próxima semana para que entren en funcionamento o próximo 1 de xaneiro, Figueroa explicou que se inclúen 50 millóns de euros en investimentos, "para seguir apostando polas infraestruturas da provincia", ou 6 millóns de euros para o Plan de Emprego, que xera "entre 700 e 800 postos de traballo".
Ademais, a Deputación manterá a contía das axudas económicas ao deporte, a cultura ou os servizos sociais, uns 11 millóns de euros en total, e aumentará a partida destinada a persoal. Fronte aos 39,8 millóns de euros de 2012, pasarase aos 42,6 millóns, a pesar de que, segundo Figueroa, apenas hai cambio no cadro de traballadores da institución provincial.
Os orzamentos de 2013 serán os primeiros que recollan ademais a integración dos organismos autónomos, como o Museo de Pontevedra, o ORAL ou Turismo Rías Baixas, na estrutura administrativa da Deputación. Un cambio que, segundo o vicepresidente provincial, "estase facendo con absoluta normalidade", xa que recordou que "mantéñense as marcas e só se cambia a configuración administrativa".