Tráfico intensifica os controis do uso dos sistemas de retención infantil coincidindo coa volta ao cole
Por Redacción
Coincidindo co comezo do curso escolar dende este luns e ata o próximo domingo, día 14, desenvolverase unha campaña especial de control de uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil.
A Delegación do Goberno en Galicia informou de que durante unha semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil incrementarán os controis comprobando que tanto condutor como ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Así mesmo, os axentes examinarán que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil axeitados ao seu peso, idade e estatura.
Un 20% dos falecidos en accidentes de tráfico en Galicia durante este verán non levaban posto este dispositivo obrigatorio.
A DGT estima que o 43% dos menores viaxa incorrectamente cos sistemas de retención infantil e o 37% o fai sen eles. O seu uso axeitado reduce un 75% o risco de lesións en caso de accidente.
O incumprimento desta norma está tipificado como infracción grave, e sanciónase con multa de 200 euros e perda de 3 puntos no caso dos condutores.