Rematan as obras municipais nos colexios de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
As obras de mantemento acometidas pola Concellería de Educación durante este verán están rematadas na práctica totalidade, polo que o curso escolar comezará a próxima semana con total normalidade. Así o destacou o concelleiro, Agustín Fernández, durante a visita que este xoves efectuou ás novas beirarrúas do patio do colexio Xunqueira 1, a obra de maior importe e tamén máis demandada pola comunidade escolar.
Agustín Fernández acudiu acompañado da concelleira non adscrita María Biempica, representante do Concello no Consello Escolar deste centro.
O concelleiro de Educación destacou que o investimento total durante este verán, "en obras que foron bastante máis alá da competencia legal do Concello", ascendeu a 131.381,75 euros. Unha cifra, engadiu, equiparable á que se dedicaba mesmo con anterioridade á crise económica.
Trátase dun total de 20 obras repartidas polos 22 colexios que hai no municipio, "o que indica a vontade desta Concellería de atender todas as necesidades na medida das nosas posibilidades económicas", explicou.
De todas elas unicamente está pendente o forrado con elementos amortecedores dos piares do patio do colexio Xunqueira 2, que se realizará durante a semana próxima en horario vespertino.
Agustín Fernández subliña que Pontevedra conta cunha extensa rede de colexios de Educación Infantil e Primaria e algúns deles xa son bastante antigos. Non obstante, a política municipal de constante investimento nesta rede educativa pública permite que se atopen nunhas condicións moi aceptables.
No que atinxe ás novas beirarrúas do Xunqueira 1, indicou que permitirán solucionar o problema de acceso ao comedor escolar, situado na parte posterior do edificio, sorteando así os charcos que se forman nos días de choiva. Unha obra, recalcou o responsable municipal, que non era de competencia municipal, senón que correspondía plenamente á Consellería de Educación da Xunta de Galicia. De feito, o expediente foi rexeitado polo servizo municipal de Intervención e foi necesario tramitalo como unha mellora de accesibilidade.
Agustín Fernández destacou que a listaxe das 20 obras realizadas permiten solucionar definitivamente problemas derivados dos danos causados pola sarabiada do pasado mes de xaneiro, pero tamén un bo número de reparacións que foron priorizadas e pactadas coas respectivas comunidades escolares.
RELACIÿN DE OBRAS
- Reparación de peche metálico (danado por temporais) na EEI Crespo Rivas-Campolongo: 554,188 euros.
- Adaptación e instalación de peches antipánico e muelles hidráulicos en saídas de evacuación do CEIP Barcelos: 4.407,16 euros.
- Substitución de canalóns e baixantes no CEIP Álvarez Limeses por danos debidos á sarabiada: 1.928,74 euros.
- Subministro e instalación de medidor de gasóleo no CEIP de Campañó: 216,59 euros.
- Construción de cuarto de aseo para o comedor do CEIP de Santo André de Xeve: 6.852,27 euros.
- Reparación de porta automática de acceso no CEIP Xunqueira 2: 1.116,47 euros.
- Beirarrúa interior e reparación de muro no CEIP Xunqueira 1: 23.511,10 euros.
- Subministro e instalación de mamparas no baño do colexio de Carballeira (Estribela): 1.091,24 euros.
- Peche frontal de escenario no CEIP San Martiño (Salcedo): 326,70 euros.
- Arranxo de ventás corredoiras no CEIP de Campolongo: 9.538,67 euros.
- Reparación do pavimento dos aseos de Infantil no CEIP Vilaverde (Mourente): 950,76 euros.
- Forrado de piares con elementos amortecedores no patio do CEIP Xunqueira 2: 3.513,84 euros.
- Reparación e restitución de portas no CEIP Vilaverde (Mourente): 13.416,18 euros.
- Colocación de pavimento de PVC en aulas do CEIP Manuel Vidal Portela: 9.786,87 euros.
- Pintado interior no CEIP Manuel Vidal Portela: 16.511,66 euros.
- Cambio de canalóns danados pola sarabiada no colexio de Barcelos: 4.326,97 euros.
- Arranxo nos aseos do primeiro andar do CEIP Barcelos: 7.540,95 euros.
- Pintado de aulas no CEIP Álvarez Limeses: 4.438,28 euros.
- Mellora da accesibilidade exterior á EEI Fina Casalderrey: 18.502,36 euros.
- Pintado de aulas na EEI Fina Casalderrey: 2.850,76 euros.
Relacionadas:
-
Agustín Fernández acusa á Xunta e á Deputación de non afrontar obras nos colexios públicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os reis da casa regresan ao colexio
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Educación investiu 200.000 euros en reformas en centros de Pontevedra en 2014
Por Redacción |
-
Anuncian 'lombos' en Raíña Vitoria, a peonalización de Alfonso XIII e lixeiros cambios en Echegaray
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello programa as obras que acometerá nos colexios
Por Oskar Viéitez |