A Lama prepárase para a Festa do Viño do Pelete
Por Redacción
Operarios das brigadas municipais da Lama afánanse estes días en arranxar os accesos á carballeira do Pelete, onde o próximo domingo 7 de setembro arrancará unha nova edición da popular Festa do Viño.
As brigadas de limpeza están a proceder a cortar a maleza que invade algunhas das estradas que levan á zona onde terá lugar a celebración ata o martes día 9.
O programa da Festa do Viño do Pelete iniciarase o domingo ás 10:45 horas coa tradicional Misa de Confrades, previa á bendición das Pipas do Viño e a apertura destas. Durante toda a xornada haberá ambientación musical a cargo da charanga Os Galácticos e a agrupación folclórica Airiños de Ponte Caldelas, mentres a verbena, dende as 22:00 horas, estará amenizada polas orquestras Arena e Latino.
O luns 8, ademais dos festexos relixiosos, terá lugar a partir das 17:00 horas a Festa dos Nenos do Pelete, a cargo de Anias, con actuación dende as 20:00 horas dos grupos Aires del Norte e Olé e a verbena a cargo do Trío Azar.
O último día da festa, o martes 9, comezará cun pasarrúas da Banda de Música Cultural de Arcade. A Misa Solemne en honor á Virxe dos Remedios oficiarase ás 13:15 horas e inmediatamente despois realizarase a homenaxe ao confrade de honra da presente edición. A partir das 19:00 horas a Banda de Música de Arcade ofrecerá un concerto e os actos pecharanse coa verbena, ás 23:00 horas, a cargo das orquestras Olympus e Aramio e o lanzamento de fogos artificiais.