Instalan catro colectores de reciclaxe de roupa en Poio
Por Redacción
Os recursos obtidos coa xestión do téxtil permiten financiar os programas de protección do medio ambiente, cooperación ao desenvolvemento e axuda social de Humana.
Humana Fundación Pueblo para Pueblo, é unha Organización non Gobernamental para o Desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente e leva a cabo proxectos de cooperación en África, América Latina e Asia así como de axuda social en España grazas aos recursos que obtén da xestión do téxtil usado, vén de instalar catrocontedores de roupa e calzado usados en Poio en virtude dun acordo asinado co Concello.
Os contedores están situados en:
- Avenida da Toxa/ Rua da Praia Raxó
- Avenida da Cruz (zona Froiz) Combarro
- Avenida de Covelo (zona da farmacia) Samieira
- Avenida de Porteliña s/n con Rua Cabanas - Poio
A iniciativa proporciona aos veciños de Poio un xeito doado e seguro de realizar as súas doazóns de roupa e calzado usados cunha finalidade solidaria, avalado por un servizo profesional que xa se leva a cabo en máis de 800 concellos e 500 entidades privadas de toda España.
Como complemento á actividade de recollida téxtil usado, Humana fará unha entrega anual de alimentos por valor de 1.000 euros aos Servizos Sociais do concello para a súa distribución entre as familias máis necesitadas da localidade.
En Galicia, Humana conta con 340 contedores para a recollida de roupa usada grazas aos acordos de colaboración establecidos con diferentes concellos, entidades e empresas privadas; en 2013 recolléronse 2.079 toneladas de téxtil usado.