A concentración moteira de Sanxenxo espera reunir máis de 12.000 persoas esta fin de semana
Por Redacción
Máis de 12.000 persoas daranse cita esta fin de semana en Sanxenxo con motivo da celebración da XXX edición da Concentración Moto Turística Internacional Rías Baixas, que está promovida polo Moto Club Amigos da Moto de Sanxenxo. Dada a grande afluencia de público que concentrará este tradicional evento, as Forzas da Orde e os organizadores reuníronse este martes para pechar o dispositivo de seguridade que se poñerá en marcha para evitar que se rexistren incidentes.
Tal e como sinalou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Salvador Durán, que presidiu a mesa á que se sumaron representantes da Policía Local, a Garda Civil e o Servizo Local de Emerxencias, o obxectivo prioritario é "garantir a seguridade tanto dos milleiros de afeccionados que acudirán á concentración como dos veciños e visitantes que tamén dalgún xeito participan desta cita".
Este evento comezará o venres, a partir das 17.00 horas, coas inscricións na carpa habilitada para a ocasión no ámbito do campo de Baltar.
A cota, que terá un prezo de 35 euros, incluirá un polo e unha medalla conmemorativa, refrixerio, menú das ceas do venres e sábado e aperitivo e comida do domingo e o dereito a participar nos sorteos que se celebrarán ao longo do fin de semana, entre outros.
Esta primeira xornada desenvolverase coa presenza de dj's invitados e música en directo que servirán de presentación ao público congregado. Ás 20.00 horas dará comezo un espectáculo moteiro 'Espectáculo Stump' e ás 22.00 horas está prevista unha de confraternidade nun restaurante do municipio tras a que haberá unha festa na carpa.
O sábado, a partir das 16.00 horas, celebrarase o 'Mercado Moteiro', dj's e música en directo, 'Espectáculo Stump' e xogos. Os inscritos na Concentración Moto Turística Internacional Rías Baixas-Sanxenxo celebrarán unha cea nun establecemento local a partir das 22.00 horas e, posteriormente, regresarán ao recinto para acudir a unha festa na que non faltará o concurso de strep tease e camisetas molladas entre os asistentes con premios en metálico para os máis atrevidos e un sorteo continuo de regalos.
Os preparativos para a excursión ata Meaño, que terá lugar o domingo, iniciaranse a partir das 10.30 horas dende o recinto situado en Baltar. A comitiva regresará ás 14.00 horas á localidade sanxenxina, concretamente ao Porto Deportivo, onde degustarán un pequeno catering e onde se procederá á entrega de premios, e á realización de varios sorteos entre os inscritos antes de clausura esta edición.