Primeira ocupación ao edificio da Praza dos Canos
Por Redacción
A Xunta de Goberno local ratificou a concesión da licenza de primeira ocupación á segunda fase do edificio construído pola promotora Construcuatro na Unidade de Actuación 34, é dicir o polígono comprendido entre as rúas de José Malvar e a Praza dos Canos.
O edificio, de catro sotos, baixo, cinco alturas e baixo cuberta, está dividido en catro bloques, dos que os dous primeiros (primeira fase) xa obtiveron licenza de ocupación o pasado mes de agosto de 2013.
Daquela deuse autorización para a utilización de 49 vivendas, seis locais comerciais e a parte proporcional dos sotos.
Agora obteñen a autorización municipal os dous portais restantes, que conforman a segunda fase, cun total de 36 vivendas, tres locais comerciais e as prazas de garaxe e rochos restantes.
O pasado mes de xullo, a Xunta de Goberno aprobou tamén a recepción da praza dos Canos, completamente urbanizada pola promotora no transcurso das obras desta Unidade de Actuación 34 do PXOU.