710.000 euros en investimentos para iniciar o curso político
Por Redacción
A Xunta de Goberno aprobou este luns adxudicacións por un valor de 710.000 euros. Segundo detallou o voceiro municipal, Raimundo González, trátase dun importante investimento destinado a reformas viarias en varias zonas da cidade e á adquisición dun novo vehículo para o servizo de extinción de incendios de Pontevedra.
En concreto, o Concello de Pontevedra destinará 221.000 euros á reforma da rúa Gerardo Álvarez Limeses, que executará a empresa COVSA.
EC Casas farase cargo de dúas obras no rural. Cobrará 129.000 euros pola adecuación do denominado Camiño da Rociña (Verducido), mentres que polos mesmos traballos no acceso á igrexa de Mourente ingresará uns 240.000 euros.
Por último, na adquisición dun furgón destinado a tarefas de rescate acuático para os Bombeiros de Pontevedra investiranse case 115.000 euros.