Achan 42 anacos de cerámica nas escavacións do Castro das Croas
Por Redacción
A cabana de sete metros de diámetro localizada durante os traballos de escavación que se están a realizar no Castro das Croas de Salcedo e a cara interna da muralla que forma o xacemento albergaban novos tesouros. Os responsables da actuación localizaron no seu interior un total de 42 fragmentos de cerámica.
Os anacos localizados nos seis primeiros días de actividade no Castro das Croas apareceron repartidos a razón de 17 na cabana e 25 na cara interna da muralla. Os que se atoparon na muralla estaban nunha das testemuñas que quedaron da escavación de 1993 e que se están retirando, en concreto, debaixo dunha acumulación de pedras que se corresponde cun derrubamento da muralla que, segundo os responsables, puido deberse a causas naturais ou ben á intervención do home.
Os fragmentos de cerámica conteñen restos de terra e serán enviados ao Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os seus investigadores serán os encargados analizalos e determinar a que época pertencen e que tipo de uso se lle daba.
Segundo informan os responsables da escavación, coas pezas aínda sen limpar, a cerámica aparentemente non está decorada e, segundo os arqueólogos, posiblemente se trate dunha ola.
Nos primeiros días de escavacións tamén apareceron dúas pedras de moer mentres se retiraba a terra para afondar na escavación que o arqueólogo Antonio de la Peña fixo en 1993. As pedras poden formar parte do proceso de construción da cabana ou ben ser parte da propia vivenda.
Por outra banda, este xoves realizouse a segunda visita guiada ao Castro das Croas. Nesta ocasión participaron máis de 30 persoas, que tiveron oportunidade de coñecer de primeira man os traballos que se están a realizar e tamén un pouco máis sobre a cultura castrexa.
A vindeira semana, luns e martes, terán lugar as xornadas de voluntariado no xacemento. Desenvolveranse en dous grupos de cinco persoas (un cada día), que durante dúas horas (de 10.00 a 12.00 horas) poderán participar na escavación da cabana e da muralla.