Os educadores sociais reclaman máis profesionais para educar en igualdade e contra a violencia de xénero
Por Redacción
A educación é "a base contra a violencia de xénero", pero na actualidade "estase a deixar bastante de lado". A advertencia lanzárona este mércores representantes da directiva do Colexio de Educadores Sociais de Galicia durante unha visita institucional ao Concello de Pontevedra. Reclamaron a necesidade de contratar máis profesionais para suplir esas carencias e mellorar a educación en igualdade e contra a violencia sobre as mulleres.
A secretaria do colexio, Eva López, sentenciou que "para que haxa máis educación hai que contratar máis profesionais", pois o traballo en materia educativa e para previr a eiva da violencia machista só se pode facer dende a preparación específica deste colectivo. Onde detectan máis carencias é no ámbito dos servizos sociais de cada localidade, pois "hai que estar moi preto das persoas e coñecer as situacións" para poder detectar situacións perigosas e atallalas. Non obstante, a realidade actual é que "están moi saturados e burocratizados".
Eva López e o vogal do colexio, Alfonso Tembrás, recordaron que, fronte a esta situación, na súa institución teñen en marcha a campaña 'Micromachismos: moito máis que micro', coa que pretenden denunciar esas "actitudes e comportamentos dominantes que seguen os varóns" dunha forma "sutil" e "imperceptible", pero que son tamén "formas de violencia que reproducen a desigualdade".
Moitas desas actitudes son tan pequenas que pasan desapercibidas na vida cotiá, pero dende o Colexio de Educadores Sociais queren coñecelas co fin de poder utilizalas en futuras accións de prevención da violencia de xénero. Para iso, piden ás vítimas que as compartan de forma anónima no blog do seu grupo de traballo, Fiadeiras.
A loita contra a violencia de xénero debe facerse tamén dende os centros educativos e, neste ámbito, dende o colexio aplauden o traballo realizado polo Concello de Pontevedra, que ven un exemplo a seguir por outras entidades sociais. Ao respeto, a concelleira de Servizos Sociais de Pontevedra, Carmen Fouces, recordou que están xa a dar os últimos retoques ao novo programa municipal dedicado a escolares de quinto e sexto de Primaria e terceiro e cuarto de Secundaria dos colexios pontevedreses.
'Namorando' céntrase na educación afectiva, pois os servizos sociais municipais detectaron que a esas idades (a partir de quinto e sexto de Primaria) as nenas deixan de ter unha percepción clara da violencia. Neses momentos da súa infancia teñen as primeiras relacións sentimentais e deixan de detectar a violencia que vían claramente tan só uns anos antes.
O alcalde de Pontevedra, insiste en que dende o Goberno local capitalino se está "traballando duro" en educación e prevención, pero este tipo de actuacións non son competencia municipal, senón que debería aplicarse a nivel xeral, pois que o concello "sexa máis ou menos sensible" non debería implicar que os nenos reciban menor formación afectiva ou de educación en valores, senón que ese tipo de actuacións terían que estar protocolizadas.
Relacionadas:
-
RADIO.- Contra os micromachismos, catro exemplos
Por Marisa Ciordia |
-
Aumentan en Poio as ordes de protección a vítimas de maltrato e os casos en mulleres maiores de 65 anos
Por Redacción |
-
Un home a mata súa muller en Barro e, tras avisar á Garda Civil, afórcase
Por Redacción | Creada e actualizada
-
'Namorando' axudará a alumnos de Primaria e Secundaria a manter relacións de parella sas
Por Natalia Puga |
-
Os escolares de Marín aprenden a loitar contra a violencia de xénero
Por Redacción |