Xunta e mexilloeiros insisten en que ningunha análise confirma a toxicidade do mexillón galego
Por Redacción
A pesares da alerta sanitaria decretada polo Goberno francés a semana pasada por unha posible intoxicación alimentaria derivada do consumo de mexillón galego, polo de agora non se ten aportado ningunha analítica que confirme a toxicidade do produto. Ademais, os produtores seguen vendendo bivalvo ao país galo como viñan facendo ata o de agora.
Así o anunciou a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, trala reunión da Mesa do Mexillón celebrada durante varias horas en Vilagarcía para analizar a última alerta alimentaria lanzada en Francia. Mentres tanto, un grupo de mexilloeiros concentrouse ás portas do Intecmar.
Na reunión a Xunta de Galicia e o sector mexilloeiro galego acordaron que traballarán da man para buscar fórmulas que eviten no futuro que determinadas alertas e comunicacións poñan en dúbida o sistema de control do molusco implantado en Galicia.
A directora do centro sinalou que os produtores seguen vendendo bivalvo ao país galo como viñan facendo ata o de agora e engadiu que o programa de control que se desenvolve en Galicia é punteiro e está adaptado á condición da comunidade galega como principal produtor da Unión Europea. ÿ un sistema que supón un valor engadido para o sector.
Covadonga Salgado: "Non hai un produto tan analizado coma o mexillón galego"
Ao respecto, explicou que existen numerosos puntos de mostraxe e que se informa de xeito moi rápido das incidencias en canto a peches e aperturas de polígonos de mexillón, "non hai sistema de control tan exhaustivo como o galego" concluíu. E engadiu que ofrece garantías de total confianza aos consumidores, porque "non hai un produto tan analizado coma o mexillón galego".
A directora do Intecmar informou tamén da situación en canto á evolución da toxina e indicou, de forma cautelar, que se aprecia unha leve melloría, de tal forma que, se se confirman as análises realizadas estes días, podería haber algunha apertura máis de polígonos este xoves. Polo de agora, confirmou, están abertos só sete, catro deles na Ría de Vigo, un na Ría de Arousa e dous na de Betanzos.