A praia da Lanzada convértese en observatorio astronómico
Por Redacción
O aparcadoiro da praia da Lanzada converterase este sábado, a partir das 23.00 horas, nun observatorio astronómico. Ata alí poderán desprazarse todas aquelas persoas que desexen observar o ceo a través dos dous telescopios que instalará, ata as 01.00 horas, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller de la Universidade de Santiago de Compostela contando coa colaboración da Concellaría de Medio Ambiente.
Nesta ocasión, os instrumentos estarán orientados cara a Saturno, cara a unha estrela dobre, un cúmulo globular e unha nebulosa.
Trátase dunha actividade, destinada a todos os públicos e incluída en 'Todocosmos', o programa de divulgación da USC, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, e no que participan sete municipios galegos.
Sanxenxo xa foi escenario doutras cinco observacións astronómicas ademais dun curso de tres días de duración.