Madrid e Galicia, unidas pola moda
Por Sylvie Tartán
Queridos lectores, non vos descubro nada se vos digo que en Galicia, e en concreto, na provincia de Pontevedra, temos un patrimonio arquitectónico excepcional liderado polos nosos belos pazos. Recoñecidos máis alá das nosas fronteiras, non é de estrañar que a deseñadora madrileña Isabel Núñez, novísima, talentosa e cun currículo excepcional, elixise o Pazo da Touza para mostrar ao mundo a súa primeira colección prêt-à-porter para o verán de 2015.
Vinculada a esta terra por algo tan bonito como o amor, Isabel decidiu hai un tempo abrir un Atelier en Vigo que acompañase e completase ao que xa tiña en Madrid. Grazas, Isabel, por pensar en nós e aforrar desprazamentos á capital! Pero volvamos ao evento. Se o marco elixido era esta marabilla, o atrezo que adornaba tan sólido e contundente edificio estaba en consonancia cos elementos inspiradores da colección: a botánica, as flores e os seus volumes.
En consonancia coa paisaxe, direivos que a flor (e nata) da zona acudiu encantada a ocupar os seus asentos para gozar do pase: Ambiente de xente guapa, cabaleiros elegantemente vestidos e señoras con sobredose de estilazo. Todo un baño de glamour con aroma de perfume francés.
E a colección? Elegante e vistosa! Eu, fiel seguidora do longo a media perna tan deostado polas usuarias da faldra curta e tan pouco visto na rúa aínda, puiden deleitarme co menos (ensina menos) é máis (e suxerirás máis).
Caídas impecables, cortes asimétricos e volumes estructurados que convertían as modelos en fermosas e vistosas flores esculpidas polas mellores mans. Os toucados de Mimoki, as xoias de Aristocrazy e os zapatos (sen plataforma, ben!) de Krack aderezaron osmodelazos e achegaron o seu granito de area á clase da colección sen roubarlle protagonismo.
Tras o desfile fomos debidamente alimentados e hidratados, un detalle de extrema importancia cando se realizou un esforzo titánico para sobrevivir á síndrome de Stendhal. E como, non antes de recollernos, cumprimos a nosa parte: Felicitar a Isabel Nuñez que sorría feliz e ataviada cun dos seus vestidos, algo pouco habitual nos deseñadores que adoitan tirar de uniformes anónimos para este tipo de acontecementos.
Moitas grazas, Isabel, por todo! Alégranos moito que o teu traballo teña sede oficial aquí, en Pontevedra.
Bicos e abrazos, queridos lectores!